En marcha o novo servizo de recollida de bioresiduos na Cañiza
En marcha o novo servizo de recollida de bioresiduos na Cañiza
- O Concello puxo en marcha o servizo este luns 15 de decembro.
- A primeira recollida foi trasladada á planta de transferencia de SOGAMA en Arbo, desde onde serán enviados ás instalacións correspondentes para o seu tratamento, valorización e transformación en compost ou biogás.
- O Alcalde Luis Piña realizou unha visita á planta de Arbo para asistir ao primeiro volcado de bioresiduos procedentes do municipio, onde destacou que “a Cañiza convértese no primeiro concello da comarca en implantar este servizo de recollida de residuos BIO”.
- Esta achega tamén inaugurou a liña de orgánico na pranta de Arbo.
- O Concello facilita esta separación de residuo, regalando un cubo de 10 L para bioresiduos que poden recoller nas oficinas xerais todos os veciños do núcleo urbano.
- Os comerciantes e establecementos xeradores deste tipo de resto tamén poden solicitar gratuitamente un contenedor de 60 L.
O Alcalde Luis Piña fixo un chamamento esta mañá á implicación da veciñanza e do tecido empresarial local, lembrando que “a colaboración cidadá é clave para reducir custos, mellorar o servizo e avanzar cara a unha Cañiza máis limpa e sostible”.
A correcta separación dos residuos será fundamental non só desde o punto de vista ambiental, senón tamén económico, xa que o custo da recollida da fracción orgánica sitúase en 56,54 €/tonelada, fronte ao custo da fracción resto (contedor verde), que supón para o Concello 105 €/tonelada. Esta contía inclúe o canon de redución aplicado ao cumprir determinados requisitos, entre eles a implantación da recollida de orgánico. De non cumprirse estes requisitos, o custo real da fracción resto ascendería a 118,80 €/tonelada.
A recollida da fracción orgánica realizarase todos os luns pola mañá.
O éxito deste novo servizo depende en gran medida da colaboración da veciñanza, que xoga un papel fundamental á hora de separar correctamente os residuos orgánicos nos fogares e negocios. Un uso axeitado do contedor marrón permite mellorar a calidade do residuo recollido e abaratar custos no servizo de recollida de lixo.
Para facilitar esta separación, o Concello está a distribuír máis de 600 cubos domésticos de 10 litros, xunto coas primeiras bolsas compostables gratuítas, que poderán adquirirse en maior tamaño nos comercios da Cañiza. Ademais, instaláronse ata 40 contedores de 400 litros, de cor negro con tapa marrón, destinados exclusivamente aos bioresiduos.
No que respecta aos grandes xeradores de residuos orgánicos, como establecementos hostaleiros, comercios e outros negocios, o Concello, en colaboración coa empresa Ancaria, está a realizar visitas informativas personalizadas. Durante o pasado mes de novembro, persoal de Ancaria visitou varios establecementos da Cañiza para informar sobre o correcto proceso de reciclaxe dos bioresiduos e facer entrega de contedores específicos de 60 litros. Estas visitas continuarán este venres, 19 de decembro, pola mañá.
O servizo complétase hoxe coa entrada en funcionamento do camión específico para a recollida de bioresiduos, con etiqueta ECO, motor Gasolina/GLP Bi-Fuel e sistema sen compactador, deseñado para preservar a estrutura do residuo e favorecer a produción de compost.
Nas parroquias, o Concello continúa apostando pola compostaxe doméstica mediante a entrega de composteiros, permitindo que a cidadanía produza o seu propio compost e contribúa activamente á redución de residuos.
Estas actuacións contan cun investimento total de 76.132,00 €, financiados con achegas da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, fondos europeos NextGenerationEU (Goberno de España) e fondos propios municipais.
Galería multimedia