Educando en igualdade: A Cañiza avanza co seu proxecto "Violetas" contra a violencia de xénero
O proxecto Violetas do Concello de A Cañiza achega ao alumnado de educación infantil, primaria e secundaria ferramentas para fomentar relacións baseadas no respecto, a igualdade e o bo trato, contribuíndo á prevención da violencia de xénero desde idades temperás.
Durante os meses de marzo e abril, o Concello de A Cañiza, en coordinación co profesorado do CPI de A Cañiza, deu continuidade ao proxecto municipal Violetas, iniciado no mes de xaneiro. Unha iniciativa destinada á promoción da igualdade e á prevención da violencia por razón de xénero, financiada a través da liña de subvencións da Deputación de Pontevedra dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero.
No marco deste proxecto desenvolvéronse distintos obradoiros dirixidos ao alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria. Para os cursos de 1º, 2º e 3º da ESO levouse a cabo o obradoiro “Somos quen de construír a nosa historia”, no que se traballou, entre outros contidos, o desenvolvemento de ferramentas que permiten ao alumnado acadar niveis de autoestima máis saudables, favorecendo a construción do benestar persoal e a mellora da saúde física, psicolóxica e emocional. Así mesmo, reflexionouse sobre a imaxe persoal e o autoconcepto, cuestionando os canons de beleza e éxito persoal establecidos socialmente.
- Co alumnado de 2º da ESO abordouse de maneira específica a construción de relacións persoais baseadas no respecto e na tolerancia, afastadas dos principios do amor romántico, así como o uso das redes sociais como ferramentas que poden propiciar novas formas de violencia. Este obradoiro levou por título “Mocidade e igualdade: fomentando relacións afectivas baseadas no bo trato”.
- Pola súa banda, o alumnado de 4º da ESO participou no obradoiro “Vínculos amorosos dende a perspectiva de xénero”, centrado na reflexión sobre as diferenzas entre sexo e xénero no ámbito das relacións afectivo-sexuais, a análise das relacións afectivas e amorosas que comparte a mocidade, a identificación dos distintos tipos de violencia presentes nestas relacións e as ferramentas para a súa prevención. Tamén se traballaron aspectos relacionados cos vínculos afectivos, a xestión de conflitos e a negociación, así como as prácticas de risco e as infeccións de transmisión sexual (ITS).
- Por último, o alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria do CEIP de A Cañiza e todo o alumnado do CEIP de Valeixe traballaron os mesmos contidos que o alumnado de secundaria, pero dunha maneira máis lúdica, a través da escenificación da obra “Na túa man”, da artista Raquel Queizas. Nesta actividade, os nenos e nenas viaxaron a través da historia de Nelly Bly, na procura de modelos saudables nas relacións persoais, poñendo en valor o respecto, a tolerancia e a comunicación.
- Tras as vacacións de Semana Santa, continuarase co traballo do alumnado de 3º da ESO mediante a actividade “Xénero Versos”, na que, ao igual que nos anos anteriores, o alumnado realiza a súa propia composición musical. As letras das cancións recollen e visibilizan o seu rexeitamento ás situacións de desigualdade e maltrato, ao tempo que trasladan mensaxes que promoven as habilidades de respecto e tolerancia adquiridas.
A última parte das actividades do proxecto desenvolverase ao longo dos meses de outubro e novembro, con motivo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Galería multimedia