Concello e Club Balonman Cañiza renovan confianza e compromiso de colaboración mutua.

  • O Alcalde e o Presidente do Club asinaron esta tarde o 3º Convenio oficial.
  • O Concello, un ano máis, ofrece o seu apoio incondicional ao CBC CAÑIZA.
  • Ademáis o Alcalde comprometeuse a construir neste ano unha nova sala anexa ao Pavillón de aproximadamente 100m2 para acoller un novo ximnasio.
  • Aquí o Club instalará as máquinas conseguidas grazas ao premio SUPERA 2023 de Iberdrola, concedido o pasado 29 de novembro na categoría “Supera Competición”.

O pasado 1 de febreiro o Pleno do Concello aprobou o texto deste 3º convenio que prorroga a colaboración suscrita por primeira vez con carácter oficial o 21 de abril de 2022 e que se resume na achega de 20.000 €uros para a anualidade 2024,  a pagar en 12 cuotas de 1.666,67€ ao mes; o dereito a utilizar e explotar o pavillón Carballo do Marco e a posibilidade de poder instalar establecementos nos festexos locais para obter beneficios, sempre destiñados a sufragar as tempadas deportivas, sen ter que aboar ningún tipo de taxa ao Concello.

Esta tarde o Alcalde Luis Piña e o Presidente do Club Marcos Estévez, asinaron este 3º convenio no Salón de Plenos do Concello coa asistencia da xunta directiva do Club, cadro técnico e adestradores, xogadores de todas as categorías, pais e nais, socios e afeccionados do deporte.

O Alcalde volveu a felicitar a toda a familia do Balonmán Cañiza pola extraordinaria labor desenvolvida en prol da educación deportiva dos nos@s nen@s e moz@s, polo seu ilusionante proxecto deportivo, pola capacidade do Club para conseguir que toda a veciñanza se volque co Balonmán e por suposto polos éxitos acadados nestes anos.

Neste punto Luis Piña quixo ponderar o valor da participación no deporte, manifestando que  “un dos obxectivos máis importantes de calquera disciplina deportiva é conseguir promover a participación. Unha actitude incluso máis valorada que gañar ou ser os vencedores. E éste é un dos principais activos do CBC”.

Na sinatura o Alcalde tamén agradeceu ao Club o traballo de visibilización da Marca Cañiza. Un compromiso que asume en cada desprazamento e en cada partido que disputa e que volveu a renovarse hoxe.

“A renovación deste convenio aporta unha forte estabilidade económica ao CBC”, xa que ten asegurado un pago mensual do Concello de 1.666,66€.

Luis Piña lembrou que ademáis desta axuda económica, o Concello investiu no último mandato máis de 170.000€ en reformas e equipacións no pavillón Carballo do Marco, instalación municipal na que entrenan todos os equipos do Clube e sede social do Balonmán Cañiza.

 “O Concello destinou 50.000€ para a mellora da cuberta e eliminación de humidades, 46.054,60€ para a reforma íntegra dun ala dos vestiarios e aseos, 25.000€ para a adquisición do videomarcador, aos que se sumaron outros 48.763,70€ da obra de reforma da 2º ala dos vestiarios. Tamén neste mandato conseguiuse poñer en funcionamento o sistema calefactor do Pavillón”.

“Ademáis dende a Gobernanza seguiremos traballando para mellorar a calidade das nosas instalacións deportivas, sempre en beneficio dos nosos deportistas e da nosa veciñanza”.