Con motivo da celebración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, o Concello destaca a organización de varias accións en prol da Igualdade e contra a Violencia de Xénero.

Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o Concello da Cañiza marca na súa axenda varias actividades organizadas dende o Servizo de Igualdade.

Este ano destacamos a realización dun mural de pintura, de 8m de longo por 4m de alto, que permanecerá fixo diante da entrada ás instalacións da piscina climatizada. Unha acción subvencionada pola Deputación de Pontevedra, enmarcada dentro do programa «VIOLENCIA CERO» e encargada á artista vasca AMAIA ARRAZOLA que a semana que ven comezará a pintura dun mural dirixido á figura da muller. 

O Alcalde e as Concelleiras de Goberno visitaron esta mañá as obras de preparación da parede desta obra reivindicativa que ademáis ten un deseño exclusivo para A Cañiza.

Tamén nesta semana recibimos a visita da Subdelegada do Goberno, Maica Larriba, quen o pasado luns visitou a Biblioteca Municipal para presentar o proxecto «MAVI», a Maleta Viaxeira. Un proxecto modesto pero cargado de simbolismo formado por 4 maletas que conteñen un total de 78 libros, escritos por mulleres, que falan sobre mulleres e dirixido a todos os colectivos. A MAVI nº 4 permanecerá na Cañiza ata o vindeiro 6 de xuño.

Dentro das actividades que desenvolve o Concello destaca a posta en marcha, por 6º ano consecutivo do «PROXECTO VIOLETAS». Un proxecto subvencionado tamén pola Deputación Provincial, que se desenvolve  dende o mes de xaneiro ata xuño, nos centros educativos da Cañiza con obradoiros de habilidades sociais para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero.

Ademáis este venres, 10 de marzo, o CPI da Cañiza e o CEIP de Valeixe acollerán unha nova actividade de contacontos. Nesta ocasión baixo o título “Coas Mans na Masa” para a promoción da igualdade, dirixida ao alumnado de 3º e 4º de primaria.

 

Contacontos Coas Mans na Masa