A Comunidade de Montes Veciñais da Lamosa cede gratuitamente ao Concello da Cañiza, por tempo indefinido, 2 hectareas de terreo no Alto do Montouto para a instalación de miradoiros interpretativos e un observatorio nocturno

  • O acordo de aceptación desta cesión aprobouse no Pleno celebrado o pasado 1 de decembro co voto unánime de toda a Corporación así como a aprobación da sinatura do contrato coa CMVMC da Lamosa para poder facer efectiva a aceptación dos terreos.
  • A cesión desta parcela no Alto do Montouto permitirá instalar neste espazo natural novos elementos turísticos (miradoiros cardinais e un observatorio nocturno) e posibilitará que o Concello pase a integrarse na Rede de observatorios nocturnos e miradoiros do Xeodestino Condado – Paradanta.
  • O Alcalde Luis Piña, agradece, en nome de todos os cañicenses, a colaboración dos comuneiros e da directiva da Comunidade de Montes Veciñais da Lamosa (Covelo) por esta cesión, xa que, de non contar cos terreos, non podería desenvolverse este proxecto turístico que se converterá nun importante reclamo e atractivo para os visitantes, pola  súa singularidade e beleza natural.

 

Esta actuación sumará un novo recurso paisaxístico de altísima calidade á oferta turística do noso Concello. Unha proposta novedosa que atraerá turistas e redundará moi positivamente no crecemento da nosa economía local.

Dende o Concello estamos traballando para sumar iniciativas de alta calidade que axuden a mellorar as nosas propostas turísticas cara ao exterior e mesmo para o disfrute das nosas veciñas e veciños.

A instalación destes miradoiros interpretativos e observatorio nocturno é unha destas apostas.

Pero para poder desenvolver esta actuación, cuxo investimento está financiado polo Plan Concellos 2022-2023 da Deputación Provincial, é obrigatorio que o Concello sexa o titular dos terreos. Así o dispón as Bases Reguladoras do Plan, publicadas no BOP número 230 de 27 de novembro de 2021, que no seu punto  8.1.6 , referente á titularidade, recolle que o Concello deberá ser, en todo caso, titular dos bens, instalacións ou terreos nos que se van executar os investimentos.

O Alcalde Luis Piña iniciou os trámites de solicitude de cesión destes terreos ante a Asamblea da CMVMC da Lamosa, titular dos mesmos, o pasado verán, acordándose a cesión de 20.000 m2 de terreo (uso de parte da parcela  36013A01530116 situada no monte denominado “Alto Do Montouto),  na Asamblea celebrada pola Comunidade o 24 de xuño de 2022.

Ademáis neste acordo a Comunidade autoriza as servidumes de paso necesarias e xustificadas.

O prazo de cesión será por tempo indefinido en favor do Concello de A Cañiza, e en tanto se manteña o fin para o que se fai a cesión e a Comunidade non cobrará ningún tipo de arrendamento ou canon. En contraprestación o Concello permitirá gratuitamente á Comunidade o uso das instalacións emprazadas na parcela.

Ademáis o Concello asume as responsabilidades e danos nas infraestruturas así como a responsabilidade civil, comprometéndose a subscribir e manter actualizados anualmente os seguros.

Grazas a esta cesión o Concello poderá desenvolver este importante proxecto polo que o Alcalde Luis Piña quixo agradecer “a colaboración e axuda desinteresada prestada pola CMVMC da Lamosa, que dende o primeiro momento acolleu a proposta municipal como unha actuación comunitaria que beneficiará non soamente  A Cañiza, senon tamén ao Concello de Covelo e a súa contorna”.