Comunicado do Alcalde Luis Piña á veciñanza da Cañiza

Queridas veciñas e veciños:

Quero dirixirme a todas e todos vós para trasladarvos o meu máis sincero agradecemento, o meu apoio incondicional e a miña solidariedade nestes momentos tan difíciles que acabamos de vivir como pobo a causa dos graves incendios declarados onte, mércores, a partir das 16:00 horas no noso municipio.

O lume iniciouse de forma simultánea en cinco puntos distintos, afectando directamente a catro das nosas nove parroquias: Oroso, Couto, A Cañiza e, especialmente, Valeixe, que foi a máis prexudicada. Calcinaron máis de 280 hectáreas de terreo, converténdose ata o momento no incendio máis grave do verán en Galicia.

Afortunadamente, non temos que lamentar vítimas persoais nin vivendas afectadas, algo que sen dúbida supón un alivio dentro da gravidade da situación. Con todo, a experiencia foi especialmente dura para os veciños e veciñas de Curuxeiras (que viviron esceas dramáticas) Nogueiró, Abeleiras e a parroquia de Valeixe, esta última confinada en 7 núcleos de xeito preventivo por indicación das autoridades de emerxencias.

Desde o primeiro momento despregouse un amplo dispositivo de medios de extinción, cunha resposta exemplar por parte de todas as institucións implicadas. A todas elas —Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) da Xunta de Galicia, Unidade Militar de Emerxencias (BIEM5),  brigadas terrestres, motobombas, bulldozers, medios aéreos (cinco avións e oito helicópteros), Protección Civil, Garda Civil (17 patrullas activadas), Policía Autonómica, Policía Local,  que sumán máis de 200 profesionais—, moitas grazas de corazón. Grazas tamén aos traballadores do Concello e aos veciños voluntarios que aportaron augas e a súa colaboración desinteresada. Dende a Alcaldía tamén quero agradecer as chamadas de apoio e ofrecemento de axuda de moitos responsables institucionais.

Durante a madrugada, continuaron traballando intensamente na zona cinco bulldozers, nove motobombas e 19 brigadas terrestres, mentres que, por motivos de seguridade, retiráronse temporalmente os medios aéreos, que dende esta mañá volven a traballar na zona. Os 95 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias atópanse no terreo reforzando os labores de enfriamento e calma dos incendios.

Na tarde – noite de onte, despraceime a distintos puntos do incendio , acompañando ao director do dispositivo polos perímetros de avanzadilla do lume, colaborando coa aportación de información das nosas zonas. Tamén estiven presente no posto de mando avanzado, para manterme informado da evolución do incendio e apoiar institucionalmente aos equipos que traballaban no terreo.

Aínda que durante a noite se mantivo activa a Situación 2 pola proximidade do lume a zonas habitadas, comunícolles que a medida de confinamento foi levantada ás 9:00 h desta mañá, unha vez que os técnicos valoraron que existían as condicións de seguridade necesarias. Quero agradecervos sinceramente a vosa calma, colaboración e o respecto polas indicacións do 112 Galicia e do sistema ES-Alert.

Con todo, nestes momentos seguimos en alerta máxima polo que vos pido que extremedes as precaucións, evitedes actividades de risco e en caso de detectar algun incendio, chamedes ao 085 de inmediato.

En nome do Concello da Cañiza, quero asegurarvos que seguiremos traballando para recuperar a normalidade.

Grazas pola vosa fortaleza, colaboración e compromiso colectivo nun momento como este.

Con todo o meu respecto e afecto,

Luis Piña ( Alcalde do Concello da Cañiza)

 

Comunicado do Alcalde Luis Piña á veciñanza da Cañiza

 

Comunicado do Alcalde Luis Piña á veciñanza da Cañiza