Comezamos a semana coa entrega dos primeiros 1.000 € da campaña «A Confianza de Sempre, Agasállate Este Nadal»
Esta mañá, o Alcalde Luis Piña, acompañado pola directiva da Asociación de Comerciantes da Cañiza, fixo entrega dos primeiros 1.000€ en premios correspondentes á campaña municipal de fidelización e impulso do comercio local «A Confianza de Sempre, Agasállate Este Nadal».
Os premios entregados corresponden ao sorteo celebrado o pasado venres 26 de decembro. As persoas portadoras dos números premiados recolleron os seus vales, consistentes en 5 boletos de 10 € cada un, que desde hoxe xa poden ser canxeados nos establecementos da Cañiza adheridos á campaña.
Esta iniciativa desenvolverase entre o 15 de decembro de 2025 e o 5 de febreiro de 2026 e está promovida polo Concello en colaboración coa Asociación de Comerciantes, que contribúe cunha achega de 500 € ao total dos premios.
O obxectivo principal da campaña é reactivar o consumo de proximidade e reforzar a fidelidade da clientela co pequeno e mediano comercio local, o comercio de sempre: próximo, comprometido e esencial para a vida económica e social da vila.
A campaña contempla o sorteo dun total de 4.000 € en vales de compra, entre as persoas que realicen compras iguais ou superiores a 20 € nos comercios participantes.
O programa inclúe catro sorteos: o do pasado 26 de decembro, os sorteos do 9 e o 23 de xaneiro, e un último sorteo o 6 de febreiro de 2026.
En cada sorteo repartiránse 20 premios de 50 €, distribuídos en vales de 10 €.
Os vales poderán empregarse ata o 8 de marzo de 2026, incluído, nos establecementos adheridos. O importe deberá gastarse na súa totalidade, sen posibilidade de devolución en metálico.
As bases completas da campaña poden consultarse na web municipal: www.caniza.org.
Na entrega de premios desta mañá, o Alcalde animou á veciñanza a seguir participando nesta iniciativa e lembrou que “Este Nadal, se mercas na Cañiza, non esquezas solicitar os teus boletos. Moita sorte!”
Noraboa a todas as persoas premiadas e grazas por confiar no comercio local.