O Alcalde Luis Piña visitou esta mañá os terreos da Citania acompañado da arqueóloga e directora da intervención, Oria Ferreiro Diz, da Teniente de Alcalde María José Rodríguez e da Concelleira Eva María Rivas.
Tras esta visita anunciou que o luns 24 de novembro darán comezo os traballos de prospección arqueolóxica na Citania Castrexa das Grades, un dos castros máis grandes, singulares e estratéxicos de Galicia, segundo os últimos estudos. O inicio desta intervención prodúcese despois da sinatura, o pasado 12 de xuño de 2024, das actas de ocupación dos terreos que, tras un longo proceso expropiatorio, pasan definitivamente á titularidade do Concello.
A operación supuxo a incorporación ao patrimonio público dun total de 113.446 m² de terreo forestal, distribuídos en 43 parcelas, que desde hoxe forman parte do dominio municipal. O investimento, de 158.365,92 €, foi posible grazas á formalización dun préstamo destinado especificamente a garantir a protección e recuperación deste espazo arqueolóxico.
Os terreos abarcan 11,3 hectáreas de superficie, chegando ata os límites naturais marcados polo cauce do río. Con esta adquisición, o Concello asegura por fin a protección integral dun enclave histórico de primeira magnitude.
O Alcalde recordou que o proceso expropiatorio, iniciado en decembro de 2022, tivo que superar importantes dificultades administrativas, debido a que numerosas parcelas aínda figuraban a nome de antepasados. “Foi un procedemento complexo, pero absolutamente necesario”. “A expropiación foi o mecanismo máis eficaz para desbloquear a situación e garantir que este proxecto, pendente durante décadas, puidese por fin avanzar”.
Un fito histórico: comezan os traballos arqueolóxicos
A intervención arqueolóxica, dotada cun investimento inicial de 21.680,78 €, financiados ao 100% pola Deputación de Pontevedra a través do Plan +Provincia 2025 – Liña 2, marca o inicio da recuperación integral da Citania.
O Alcalde destacou que esta actuación “abre unha nova etapa para A Cañiza”, permitindo abordar a posta en valor dun recinto fortificado único no sur de Galicia.
Ademais, os traballos serán visitables polo público, permitindo que veciños, centros educativos e visitantes poidan presenciar en directo o avance das prospeccións, co obxectivo de socializar o coñecemento e reforzar o vínculo da comunidade co seu patrimonio. “Queremos que a xente viva connosco este descubrimento”, afirmou o Alcalde.
Nesta fase inicial, os traballos, dirixidos pola empresa Tempos Arqueólogos S.L., inclúen:
- Limpieza integral do castro e do seu perímetro amurallado, permitindo visualizar a súa verdadeira magnitude.
- Corta controlada de eucaliptos e retirada de especies invasoras que afectan á conservación e á biodiversidade natural.
- Primeiras sondaxes arqueolóxicas en zonas de alta potencialidade.
- Prospección sistemática e rexistro planimétrico completo do recinto unha vez finalizada a roza.
- Redacción da memoria e proxecto técnico e control arqueolóxico, cun importe de 3.533,20 €.
Os traballos contan con todas as autorizacións da Confederación Hidrográfica do Miño e da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, organismo que establece que os materiais arqueolóxicos deberán depositarse no Museo de Pontevedra nun prazo máximo de seis meses. Calquera achado de especial relevancia deberá notificarse de inmediato para a súa protección.
Un proxecto estratéxico para o futuro da Cañiza
A recuperación da citania permitirá ampliar e fortalecer a oferta turística da Cañiza e da comarca da Paradanta, contribuíndo á cohesión territorial, á creación dun novo recurso visitable e ao impulso económico local.
O Alcalde subliñou tamén o impacto ambiental positivo: “A actuación permitirá deter a perda de biodiversidade e recuperar un espazo degradado pola presenza de especies invasoras e pola falta de uso”.
Finalmente destacou que “recuperar a Citania das Grades é recuperar a nosa memoria colectiva, as orixes da nosa cultura e do noso pobo. É unha honra avanzar neste proxecto histórico, cultural e patrimonial que estivo enriba da mesa durante anos e que agora, finalmente, se fai realidade”.