Clausuramos o Curso «TIC Rural – Programa Reto Rural Dixital» na Cañiza

O Alcalde Luis Piña participou hoxe no acto de clausura do Curso TIC Rural – Programa Reto Rural Dixital, celebrado na Aula CeMIT da Casa da Cultura, durante os días16, 18 e 19 de febreiro, cunha duración total de 15 horas en horario de 9h a 14h .

Esta acción formativa, organizada pola Entidade para o Emprego Red Araña en colaboración co Concello, enmárcase no programa TIC Rural, unha iniciativa gratuíta dirixida a persoas desempregadas ou inactivas residentes en concellos rurais, centrada na mellora das competencias dixitais da poboación rural, con especial atención á seguridade en contornas dixitais.

O curso abordou entre outros contidos a seguridade dixital básica, o uso de contrasinais seguras, a ciberseguridade e tamén o uso seguro do teléfono móbil.

Ademais da formación teórica e práctica, as persoas participantes recibiron apoio e acompañamento individualizado para reforzar a aprendizaxe e facilitar a aplicación práctica dos coñecementos adquiridos.

Durante a clausura, o Alcalde destacou a importancia de seguir impulsando iniciativas que reduzan a fenda dixital no rural e que faciliten o acceso seguro da veciñanza aos servizos e trámites en liña.

“A capacitación dixital é unha ferramenta clave para a inclusión social e laboral da nosa poboación”.

O programa está financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU, o Goberno de España e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, reafirmando o compromiso institucional coa transformación dixital do rural galego.