Clausurada a segunda edición do Curso de Capacitación Dixital en Intelixencia Artificial na Cañiza

O pasado 13 de febreiro clausurouse no Edificio Multiusos a II edición do Curso de Capacitación Dixital en Intelixencia Artificial, organizado polo Concello tras o éxito acadado na primeira convocatoria celebrada en xaneiro.

A formación desenvolveuse do 6 ao 13 de febreiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas, e estivo dirixida a persoas de entre 18 e 65 anos interesadas en mellorar as súas competencias dixitais nun ámbito de grande proxección como é a intelixencia artificial.

O Alcalde Luis Piña participou no acto de clausura felicitando ao alumnado e ao equipo formador e destacando a importancia de achegar ferramentas innovadoras á cidadanía para favorecer a empregabilidade e a adaptación ás novas demandas do mercado laboral.

O curso, de carácter gratuíto, foi impartido polas empresas especializadas ARA Formación – Big Formación e estivo financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, coa colaboración da Xunta de Galicia e do Goberno de España.

Entre os contidos abordados incluíronse:

  • Introdución á intelixencia artificial
  • Uso da linguaxe prompting
  • Aplicación da IA para optimizar tarefas e crear contidos
  • Uso da IA na procura activa de emprego

Con esta segunda edición, o Concello reafirma o seu compromiso coa formación e a capacitación dixital da veciñanza, facilitando o acceso a coñecementos clave para afrontar os retos tecnolóxicos actuais.

Noraboa a todos!