A Cañiza vive unha nova edición de éxito co seu ENTROIDO DE VERÁN

IV edición organizada polo Club Balonmán Cañiza, con apoio do Concello e a participación da Asociación de Comerciantes

Este sábado, A Cañiza volveu converterse nun auténtico centro de animación e diversión, con motivo da celebración do IV Entroido de Verán. A pesar das elevadas temperaturas, a cita reuniu a máis de medio millar de persoas disfrazadas, superando todas as expectativas de asistencia e consolidándose como un dos eventos máis esperados do verán.

Unha das propostas estrela foi, un ano máis, o concurso de disfraces, que repartiu 1.500 euros en premios. Ademais, recoñecéronse tamén os mellores espazos decorados do municipio, cun premio ao balcón mellor engalanado e ao escaparate máis orixinal. Unha explosión de imaxinación e creatividade que encheu as rúas da vila de música, humor e festa.

O día comezou xa pola mañá coa recepción oficial, onde o alcalde Luis Piña, acompañado por Marcos Éstevez, presidente do Club Balonmán Cañiza —entidade organizadora do Entroido de Verán—, deu a benvida aos veciños e visitantes. A continuación, o historiador local David Gesteira foi o encargado da lectura do pregón, dando o pistoletazo de saída ao Entroido ás 13:00 h. Mentres tanto, os máis cativos gozaban dos inchables e obradoiros infantís na Praza Maior.

A Charanga Imperiais puxo a nota musical á sesión vermú, animando os principais puntos do centro da vila. Xa pola tarde, ás 19:30 h, arrancou o desfile desde a rúa Botica, coas comparsas e disfraces individuais desbordando imaxinación polas rúas da Cañiza.

 

Premiados no concurso de disfraces

Categoría Comparsas:

  •  1º Premio (700 €): CHOVEUNOS DE SORPRESA
  •  2º Premio (300 €): BRILLO E BARRO
  •  3º Premio (150 €): PIRATAS SIN SENTIDO

Categoría Individual:

  • 1º Premio (200 €): TORITO LOCO
  •  2º Premio (100 €): AROMAS DO VENTO
  •  3º Premio (50 €): BOMBÓN FERRERO

Premios especiais:

  •  Mellor balcón: Alberto José Lamas, cun botellón de viño Ribeiro cortesía de Distribuciones Sito.
  •  Mellor escaparate: Rodespi, cunha noite para dúas persoas no hotel “A Rectoral”.

Ás 22:00 h deu comezo a Party Night, que encheu a Praza Maior de ritmo e diversión cunha sesión DJ para todos os públicos.

Durante a súa intervención, Luis Piña destacou que os 1.500 euros en premios foron entregados en forma de vales de compra de 10 euros, que poderán trocarse nos comercios da Cañiza (excluíndo establecementos de hostalaría) ata outubro de 2025. Subliñou que este modelo de premios forma parte da estratexia do Concello para apoiar o pequeno comercio de proximidade e dinamizar a economía local a través da celebración de eventos como este Entroido de Verán.

Desde o Concello, o Alcalde agradeceu tanto ao Club Balonmán Cañiza como ao resto de entidades colaboradoras a organización, así como a todas as persoas que decidiron sumarse á festa, contribuíndo ao seu rotundo éxito.

Noraboa a todas e todos, e grazas por seguir contribuíndo a facer da Cañiza un referente de dinamización social e cultural no territorio.