O Alcalde Luis Piña anunciou esta mañá, acompañado da Concelleira Eva Rivas, que o martes 9 de decembro entrará en funcionamento o novo servizo de recollida de residuos orgánicos (bioresiduos) no casco urbano da Cañiza,
“un paso esencial cara a unha xestión máis sustentable”.
Anunciou tamén que este tipo de recollida realizarase todos os luns pola mañá a partires do 15 de decembro. Os residuos serán levados á planta de Sogama en Arbo, de cara á súa transformación en compost ou biogás, contribuíndo á economía circular e á redución do impacto ambiental.
Para facilitar a separación da fracción orgánica, o Concello repartirá máis de 600 cubos domésticos de 10 litros, que se poderán recoller nas oficinas xerais do Concello a partir do martes 9 de decembro, xunto coas primeiras bolsas compostables gratuitas e material informativo sobre o correcto uso do contedor marrón. Para dar continuidade á utilización destas bolsas de bioresiduos, desde o Concello contactouse cos establecementos e supermercados da Cañiza para que dispoñan á venda das mesmas, facilitando así que a veciñanza poida reciclar correctamente.
Este martes instalaranse tamén ata 40 contedores de 400 L, de cor negro con tapa marrón, destinados exclusivamente aos bioresiduos como restos de comida, plantas, follas, flores ou céspede. Estes contedores quedarán colocados o 9 de decembro, de xeito que a veciñanza poida comezar a reciclar xa ese mesmo día. Nas fichas desta publicación podes consultar o que se pode e non se pode achegar nestes contenedores así como as vantaxes de reciclar e todo o relacionado cos bioresiduos.
O Concello dotará tamén aos establecementos hostaleiros, restaurantes e outros negocios xeradores de materia orgánica de 60 caldeiros específicos de 60 litros.
Ademais, o luns, 15 de decembro, entrará en servizo o camión específico para a recollida do residuo orgánico, adquirido polo Concello en 2022. Un vehículo cun sistema elevacontedor para recipientes de 2 e 4 rodas (ata 1.100 L), capacidade de carga de 4 m³, motor a Gasolina / GLP Bi-Fuel, con etiqueta ECO e sistema sen compactador, para preservar a estrutura do residuo e favorecer a produción de compost, adquirido por adxudicación á empresa Vehículos, Equipamientos y Carrocerías Prieto-Puga S.L.
Este camión permitirá realizar unha recollida máis eficiente, adaptada ás esixencias ambientais actuais e acorde co modelo de tratamento biolóxico implantado.
Así mesmo, nas parroquias o Concello está apostando pola política de compostaxe, mediante a entrega de composteiros domésticos para que a cidadanía poida producir o seu propio compost no fogar e contribuír activamente á reciclaxe colectiva e á redución de residuos.
Estas actuacións están financiadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, correspondentes ás anualidades 2022 e 2025, mediante as axudas para o tratamento de biorresiduos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia – NextGenerationEU.
O Alcalde Luis Piña animou á veciñanza a participar activamente nesta nova etapa, clave para avanzar cara a un modelo de xestión de residuos máis eficiente, limpo e respectuoso co medio ambiente.
76.132,00 € PARA A POSTA EN MARCHA DO SERVIZO desagregados:
-
Vehículo de recollida do orgánico cun coste de 49.005,00 €, financiado con 30.000,00 € de Axudas da Xunta de Galicia + Fondos NextGenerationEU (Goberno de España); 15.203,75 € do Plan Concellos 2022 da Deputación e 3.801,25 € de aportación municipal.
-
Lona para tapar a recollida con un investimento de 5.445,00 €, financiados con fondos propios.
-
40 Contedores de 400 L e 600 cubos de 10 L máis campañas de concienciación e folletos (casco urbano), financiados a través do Procedemento MT975K – Liña 1 (2022) da Xunta de Galicia e fondos europeos (Goberno de España), cunha axuda de 16.093 €.
-
60 Caldeiros para grandes xeradores (2025–2026), campañas de concienciación e guías e folletos financiados a través do Procedemento MT975T – Liña 1. Código BIAT-0123-2025-RES, tamén da Xunta de Galicia e cofinanciados con Fondos Europeos NextGenerationEU (Goberno de España), cunha axuda concedida de 5.589,00 €.
Galería multimedia