A Cañiza inaugura o skatepark e pumptrack “máis completo de Galicia” financiado grazas aos recursos da Deputación de Pontevedra

Unha actuación cun investimento total de 340.602,22€, desagregados en 324.267,22 € de execución de obra, 7.865,00€ de redacción do proxecto, 6.655,00€ correspondentes á dirección de obra e 1.815,00€ de coordinación de seguridade e saúde. 

As obras de construción desta nova infraestrutura deportiva contaron cunha achega de 290.000,00€  da institución provincial, a través do Plan Concellos 2022-2023. O Concello aportou 50.611,14€ de recursos propios.

O Concello da Cañiza conta xa co seu novo skatepark e pumptrack, situado na rúa Silleda, a carón da Escola de Música municipal.

A presidenta da institución provincial en funcións, Carmela Silva, visitou este luns, 5 de xuño, esta nova instalación deportiva,  acompañada do alcalde en funcións, Luis Piña.

Unha actuación que acadou unha inxección de 290.000 € de fondos provinciais a través do Plan Concellos e que xa está a ser empregada pola cidadanía.

Trátase, segundo sinalou o seu artífice, o técnico Álex Durán (responsable das probas do DMX do festival O Marisquiño), do skatepark e pumptrack máis completo de toda Galicia.

A presidenta provincial en funcións, Carmela Silva, puxo en valor este novo equipamento deportivo “do século XXI, clave fundamental para atraer e manter poboación en núcleos pequenos e rurais como A Cañiza”. Con estas instalacións, sinalou, “a vila estase a poñer no mapa destas novas modalidades deportivas, cunha ampla repercusión social que aumentará cando se celebre o I Pumptrack A Cañiza, en xullo, e que fará que milleiros de persoas se acheguen á Paradanta, impulsando o seu desenvolvemento a todos os niveis”.

Segundo manifestou o Alcalde en funcións, Luis Piña,  estamos “encantados” coa nova dotación e “ilusionados pola posta de longo que será a copa de Galicia en xullo”. 

A Cañiza poderá presumir do “mellor conxunto de skatepark e pumptrack de Galicia, que segundo afirman os deportistas expertos, ten a mellor rúa principal de toda España". 

Temos o orgullo de comunicar tamén que “estamos recibindo comentarios de colectivos e deportistas de diferentes lugares, como Vigo e Ourense, asegurando que van achegarse regularmente porque non hai dotacións comparables a esta”.

O skatepark e pumptrack da Cañiza responde a un deseño seguro e ao aire libre. Con esta infraestrutura, a vila conta con instalacións públicas que ofertan novas disciplinas deportivas, amais de xerar un atractivo turístico máis dentro da comarca.

A infraestrutura suma máis de 3.300 m2 para a práctica de deporte urbano, divididos no skatepark (1.820 m2), o pumptrack (715 m2), zonas verdes (744 m2) e unha zona de acceso (26 m2).

O vindeiro 16 de xullo acollerá xa a súa primeira proba deportiva: o I Pumptrack A Cañiza, unha proba na especialidade de BTT Pump Track aprobada pola Federación Galega de Ciclismo.

O skatepark conta con diferentes tipos de planos inclinados e ramplas que ofrecen un amplo abanico de posibilidades de movementos, piruetas e acrobacias, para practicar distintas disciplinas como skate, bmx, scooter e roller. Pola súa banda, grazas ás ondulacións que compoñen o seu carril o pumptrack está deseñado para ter unha utilización fluída. Ademais as persoas usuarias poden realizar o percorrido co impulso da inercia, sen que teñan que dar pedaladas ou empuxe co pé.

 

VISIONA NESTE REEL AS NOVAS INSTALACIÓNS

 

A Cañiza inaugura o skate park e pumptrack “máis completo de Galicia” financiado grazas aos recursos da Deputación de Pontevedra

 

A Cañiza inaugura o skate park e pumptrack “máis completo de Galicia” financiado grazas aos recursos da Deputación de Pontevedra