A Cañiza inaugura o ciclo musical do 40º aniversario de Rede Eléctrica Española cun concerto de alto nivel en Santa Cristina de Valeixe

O alcalde Luis Piña destaca a relevancia cultural do evento para o municipio e o seu compromiso co acceso igualitario á cultura.

O alcalde da Cañiza, Luis Piña; Daniel Pintor, técnico de Relacións Institucionais de Rede Eléctrica Española; e o cura da parroquia de Valeixe, José María Vázquez, presentaron esta mañá o concerto de música clásica que se celebrará o vindeiro 21 de xuño, ás 20:00 horas, na igrexa parroquial de Santa Cristina de Valeixe. O evento, a cargo da Orquestra de Cámara Galega e con entrada libre ata completar aforo, será o primeiro do ciclo conmemorativo que organiza a compañía con motivo do seu 40º aniversario.

A elección da Cañiza como punto de partida desta programación non é casual: responde ao compromiso do municipio coa promoción cultural e á vontade do Alcalde Luis Piña de situar a localidade como referente no ámbito artístico e patrimonial.

“Estamos fondamente orgullosos de que A Cañiza fose o lugar elixido por Redeia para acoller o primeiro concerto do seu 40 aniversario, a cargo da Orquestra de Cámara Galega", sinalou o alcalde durante a presentación. “É un recoñecemento ao valor cultural e patrimonial do noso municipio e, en particular, da igrexa de Santa Cristina de Valeixe, un espazo cunha acústica excepcional que xa demostrou ser un marco idóneo para a música clásica. Este será o segundo concerto que celebramos alí, e seguiremos impulsando actividades que acheguen a cultura á nosa veciñanza e proxecten a imaxe da Cañiza máis alá das nosas fronteiras”.

O concerto estará dirixido polo mestre Rogelio Groba Otero e ofrecerá un programa que combina repertorio universal con creación contemporánea, incluíndo obras de W. A. Mozart, E. Grieg e do propio Groba, considerado un dos compositores galegos máis relevantes das últimas décadas.

Con máis de 25 anos de traxectoria e proxección internacional, a Orquestra de Cámara Galega consolidouse como unha das formacións de referencia en Galicia, cunha clara vocación de achegar a música clásica a territorios menos atendidos.

Este ciclo de concertos, impulsado por Rede Eléctrica Española (Redeia), ten como obxectivo non só celebrar as súas catro décadas de historia, senón tamén poñer en valor o patrimonio histórico-artístico de Galicia a través da música. Igrexas, mosteiros e pazos converteranse en escenarios únicos onde tradición e arte sonora se unirán nunha experiencia cultural accesible para todos.

 

A Cañiza inaugura o ciclo musical do 40º aniversario de Rede Eléctrica Española cun concerto de alto nivel en Santa Cristina de Valeixe