A Caniza honra á súa Patroa, Santa Teresa de Xesús, na súa festividade
A Caniza celebra este 15 de outubro o día da súa Patroa, Santa Teresa de Xesús, cuns actos relixiosos que darán comezo ás 12:00 horas cunha Misa Solemne no Templo Parroquial, presidida polo párroco, don José Manuel Pereira Vidal, e cantada pola Coral Polifónica da Caniza. Ao remate da celebración, terá lugar a procesión polas rúas da vila, na que a imaxe da Santa estará acompañada polo grupo de gaitas «Os Folieiros», de Lavadores.
Con motivo desta conmemoración, declarada festivo local, o Alcalde Luis Piña traslada a súa felicitación a todos os canicenses.
LEGADO HISTÓRICO E RELIXIOSO DA PARROQUIA
A vinculación da Caniza con Santa Teresa de Xesús remóntase ao 25 de febreiro de 1815, data na que o bispo de Tui, don Juan García Benito, decretou a creación da Parroquia da Caniza e designou a Santa Teresa como titular e Patroa. Desde entón, a súa figura ocupa un lugar destacado na vida relixiosa e na memoria colectiva da vila.
O actual Templo Parroquial comezou a construírse en 1856 e as obras culminaron en 1902 coa realización do campanario, a cargo do mestre canteiro don Xosé Martínez Cabrita.
O templo conserva, ademais, dúas reliquias de Santa Teresa, trasladadas desde o Convento de San José de Ávila o 12 de xaneiro de 1979 por don Manuel Salcidos González, que daquela exercía como párroco da Caniza.
Trátase dun anaco de madeira do tronco que a Santa utilizaba como almofada e dun fragmento da tea relacionada coa exhumación do seu corpo no convento de Alba de Tormes, lugar onde faleceu.
A historia da devoción da Santa na vila garda tamén outros episodios destacados. O 10 de xuño de 1963, a Caniza recibiu a visita da reliquia do Santo Brazo de Santa Teresa, un acontecemento que quedou rexistrado no Libro de Actas da Comisión Municipal Permanente do Concello.
Máis recentemente, en 2014, con motivo do Ano Xubilar de Santa Teresa de Xesús convocado polo papa Francisco en España, o bispo da Diocese de Tui-Vigo, don Luís Quinteiro Fiuza, concedeu ao Templo Parroquial da Caniza o título de Templo Xubilar, recoñecendo así a súa relevancia histórica e espiritual no ámbito diocesano.
Con esta breve reseña, desde o Concello queremos lembrar a importancia da nosa Patroa na historia do Municipio.
Felicidades a todos os canicenses neste 15 de outubro.