A Cañiza enterrou esta fin de semana “O Rexoubón”, poñendo o broche final ao Entroido

Este sábado 28 de febreiro, A Cañiza vestiu de loito para despedir ao Rexoubón, acusado de malintencionado, marmurador e festeiro, nun acto que puxo o punto final ao Entroido cunha celebración cargada de humor, sátira e participación veciñal.

A comitiva concentrouse ás 19:00 horas na Carballeira do Cacharado, onde agardaron a que todas as comparsas estiveran preparadas para iniciar o desfile, que partiu ás 19:30 horas en dirección á explanada do Regueiro, percorrendo as principais rúas da vila.

O desfile estivo encabezado polo gran protagonista, O Rexoubón, personaxe simbólico do imaxinario popular que representa ao chismoso, marmurador e malintencionado. Co seu enterro e posterior queima escenifícase, en clave de humor e parodia, a despedida do Entroido e das actitudes que se deixan atrás antes da chegada da Coresma.

O féretro foi escoltado pola comparsa gañadora na categoría de adultos do concurso celebrado o pasado domingo 22 de febreiro, “O Titanic pola Ruta das Abadías”, encargada de confeccionar o boneco do Rexoubón e de portar o cadaleito durante a comitiva fúnebre, tal e como establecían as bases da convocatoria deste ano.

Tras o Rexoubón marchaba o mestre de cerimonias, Edi F.M., presentador do acto, autor das coplas satíricas e do ritual do lume. A continuación situábanse o Alcalde, Luis Piña e os concelleiros de Goberno, acompañados polo xurado do concurso, formado polo artista, pintor e escultor Diego de Giráldez; o músico e profesor da Escola de Música da Cañiza, Agustín Domínguez Barba; e o deseñador de moda Cristóbal Vidal González.

O Xurado portaba tamén o Libro de Condolencias e Queixas, no que ao longo do desfile a veciñanza foi escribindo reivindicacións, problemas e demandas relacionadas coa realidade do municipio.

Continuaba a comitiva a charanga Noroeste de Marín, que amenizou toda a procesión cun repertorio que combinou música fúnebre e ambiente festivo. Tras eles avanzaban as restantes comparsas participantes no concurso do pasado 22 de febreiro, seguidas por veciños e público asistente, todos vestidos de rigoroso loito, portando velas, cirios e coroas elaboradas con mimosas, loureiro e outras flores do monte, acompañadas de divertidas cintas e frases na honra do finado Rexoubón. A comitiva estivo escoltada en todo momento polo coche patrulla da Policía Local.

O público asumiu o seu papel de prañideiras con choros e chamamentos ao defunto, contribuíndo a crear un ambiente festivo e paródico que marcou con éxito esta primeira edición do Enterro do Rexoubón.

O percorrido incluíu as rotondas do Cristo, do Xamón e do Olivo, a rúa Antonio Facorro, a N-120 e o cruzamento da rúa Vilanova, ata chegar ao aparcadoiro do Regueiro, onde agardaba a pira funeraria na que sería queimado o protagonista.

Á chegada, a comparsa “O Titanic pola Ruta das Abadías” colocou o boneco na pira. Acto seguido, o mestre de cerimonias subiu ao escenario xunto co Alcalde Luis Piña, o Concelleiro de Cultura Rubén Muiños e os tres membros do xurado para iniciar o ritual que culminaría co acendido do lume.

Tras a lectura das coplas satíricas por parte de Edi F.M. e a intervención do Alcalde, quen deu a benvida aos asistentes e agradeceu a colaboración especial da Comparsa Titanic de Oroso, das restantes comparsas, do mestre de cerimonias, do xurado e do persoal municipal —especialmente dos traballadores do departamento de Cultura, dos operarios de obras e da Policía Local—, así como da veciñanza que fixo posible o éxito organizativo e de participación desta primeira edición, procedeuse ao momento central do acto.

Como primeira autoridade, o Alcalde recibiu do xurado o Libro de Condolencias e Queixas, agradecendo as achegas, aceptándoas e asumíndoas, ao tempo que autorizaba a súa queima xunto coa do Rexoubón, dando orde de comezo ao acto.

Durante este instante solemne e simbólico, o mestre de cerimonias leu as palabras que forman parte do ritual do lume e procedeuse á queima do Rexoubón nun ambiente festivo no que os asistentes alternaron choros e risas, mentres a charanga continuaba poñendo música á despedida.

O Concello agradece a todos os participantes o elevado nivel de escenografía, así como a calidade das vestimentas e complementos, que contribuíron a elevar a categoría do desfile. Sen o seu traballo e implicación, esta primeira edición do Enterro do Rexoubón non tería acadado o éxito organizativo e de público que finalmente conseguiu.