O skatepark municipal da Caniza converteuse esta fin de semana no epicentro do skateboarding español coa celebración da primeira parada de Street das Iberdrola Skate Series 2026, unha competición que reuniu a máis de 40 riders nacionais e internacionais e que situou o municipio no mapa dos grandes eventos deportivos desta disciplina olímpica.
Durante tres intensas xornadas, as instalacións municipais acolleron algúns dos mellores riders procedentes de distintos puntos de España e de países como Brasil, Arxentina, Venezuela e Portugal.
A proba contou coa participación de destacadas figuras do skateboarding, entre elas a olímpica Natalia Muñoz, actual campioa de España e participante nos Xogos Olímpicos de París 2024, que acadou a vitoria na categoría feminina. Na competición masculina, o triunfo foi para o brasileiro Abner Pietro, mentres que o galego Luis Cabarcos asinou unha brillante actuación ao alcanzar a segunda posición e converterse no mellor deportista español clasificado do campionato.
En palabras do Alcalde, “este evento volveu demostrar a capacidade do municipio para acoller competicións deportivas de ámbito estatal”.
Luis Piña destacou durante a presentación oficial da competición a importancia que ten para o municipio a celebración de eventos destas características, que contribúen a proxectar a imaxe da Caniza máis aló de Galicia e xeran un importante impacto deportivo, social e económico. Así mesmo, agradeceu á Real Federación Española de Patinaxe a confianza depositada no municipio para albergar a primeira cita do calendario nacional.
A celebración desta proba supón un novo respaldo á aposta realizada polo Concello da Caniza polos deportes urbanos e pola creación de infraestruturas deportivas modernas e de calidade, unha estratexia que permitiu converter o skatepark municipal nunha instalación de referencia.
Nos últimos anos, as instalacións acolleron numerosas competicións de carácter autonómico e nacional, entre elas o Campionato de España Team Cross, a Copa de España e Liga Nacional de SkateCross, o Campionato Galego Freestyle Street Park, a BMX Game Of Bike League e, agora, as Iberdrola Skate Series, consolidando A Caniza como un dos principais destinos deportivos vinculados ás disciplinas urbanas.
Tras a entrega de premios do domingo, o Alcalde agradeceu especialmente á Real Federación Española de Patinaxe así como aos deportistas, xuíces, persoal técnico, voluntariado e forzas de seguridade, polo seu traballo e compromiso que fixeron posible o éxito desta cita deportiva.
Así mesmo, felicitou a todos os riders participantes polo extraordinario nivel exhibido durante a fin de semana e, de maneira especial, á olímpica Natalia Muñoz e ao brasileiro Abner Pietro polas súas vitorias nas categorías feminina e masculina, respectivamente. Do mesmo xeito, trasladou os seus parabéns ao galego Luis Cabarcos pola súa brillante segunda posición e por converterse no mellor deportista español clasificado da proba.
Grazas a todos e noraboa!
Galería multimedia