A Caniza celebrou a XI edición do Desfile de Moda «Curso de Deseño e Patronaxe de Cristóbal Vidal»

  • O Alcalde felicitou ao deseñador pola colección presentada e agradeceu o labor formativo e creativo que leva desenvolvendo dende hai quince anos nos obradoiros da Casa da Cultura.


  • Luis Piña tamén felicitou ás alumnas e alumnos polas súas coleccións e a todas as persoas colaboradoras e deseñadoras participantes nesta nova edición.


O Auditorio da Caniza acolleu este sábado, 26 de setembro, o XI Desfile de Moda do XV Curso de Deseño e Patronaxe de Cristóbal Vidal, unha cita con entrada libre que continúa formando novas xeracións e achegando o deseño e a moda á programación cultural do municipio.

O acto contou coa presenza do Alcalde Luis Piña, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, María José Rodríguez, e polo Concelleiro de Cultura, Rubén Muiños, nunha edición que reuniu sobre a pasarela as coleccións propias das alumnas e alumnos do curso xunto ás propostas de novos deseñadores e creadores vinculados aos obradoiros de Cristóbal Vidal e a diferentes centros de formación especializados.

Ao longo do desfile presentáronse diferentes coleccións que combinaron estilos, técnicas e formas diversas de entender o deseño e a moda, ofrecendo ao público unha ampla mostra do traballo desenvolvido arredor do deseño, o patronaxe e a confección.

Desfilaron alumnas do curso e tamén dos centros Mestre Mateo e Texmoda-Goymar Vigo, África Álvarez e Rebeca Raña, respectivamente, que presentaron os proxectos desenvolvidos nas súas escolas. Na pasarela tamén estivo presente Sofía Gándara Bastero, cunha coleccións inspirada no animalario de Galicia; Iago Iglesias, que repetiu participación tras o desfile do pasado ano; Noé Barros, de once anos, cunha colección infantil sen xénero; Alba Cayetano, cunha proposta de carácter reivindicativo e intercultural; Estela Vázquez, con creacións inspiradas nos cadros escoceses e nos Burberry para a tempada outono-inverno, e David Morice, cunha colección de roupa vaqueira na que incorporou elementos de metal e ferro nos petos, hombreiras e coderas.

A pasarela contou tamén coa participación da deseñadora convidada Lorena Rodríguez, que presentou unha selección dos seus vestidos de festa, mentres que Mariana Venditti foi a encargada de pechar o desfile cunha colección de tocados para noiva e, como novidade, tamén para noivo, acompañados de creacións de Cristóbal Vidal para cerimonia.

O desfile permitiu tamén ao alumnado do curso impartido na Caniza, presentar publicamente as súas creacións e vivir a experiencia de trasladar os seus deseños á pasarela.

Un dos momentos máis destacados da xornada foi a presentación da nova colección de Cristóbal Vidal para a tempada Outono-Inverno 2026/27, que recibiu os aplausos e a ovación do público.

Tras o desfile, presentado por Amparo Rodríguez Ojea, tivo lugar a entrega dos diplomas correspondentes ao curso 2025/2026 e ao curso de verán, acto no que o Alcalde fixo entrega das acreditacións da man de Cristóbal Vidal.

Luis Piña felicitou a todas as alumnas e alumnos polo traballo realizado ao longo do curso e polo resultado das súas creacións, destacando o esforzo e creatividade que hai detrás de cada unha das pezas presentadas.

O Alcalde fixo extensiva esta felicitación de maneira moi especial a Cristóbal Vidal, recoñecendo o traballo realizado nesta edición como o labor que vén desenvolvendo desde nas aulas da Casa da Cultura, tanto desde o punto de vista formativo como creativo.

Luis Piña valorou especialmente a continuidade deste proxecto, vinculado a A Caniza desde hai quince anos, e que representa unha aposta pola formación, a cultura e a creatividade. Destacou tamén o seu carácter social e a importancia de contar cunha iniciativa que, máis alá da aprendizaxe do deseño, o patronaxe e a confección, contribúe ao desenvolvemento persoal e creativo dos seus participantes.

Grazas tamén aos deseñadores convidados, aos modelos que participaron nesta nova edición e a todas as persoas que colaboraron na organización. 

A todos noraboa polo éxito acadado!.