A Cañiza celebrou este domingo unha nova edición do «CURRO DO PEDROSO»

Este 4 de agosto, a Asociación Cabalar Pedroso de Ribadil volveu a organizar o Curro, nunha xornada soleada e exitosa, que contou novamente co apoio do Concello e do público.

Unha festa chea de enxebrismo que ten por mérito recuperar unha tradición cabalar que naceu no 1º domingo do mes de agosto do ano 1994, da man dun cañicense da parroquia de Oroso, Don Castor Pablo Rodríguez Pérez, quen na edición do ano pasado recibiu dos organizadores una merecida homenaxe.

Dende o Concello, o Alcalde volveu a felicitar “ao grupo de homes e mulleres que forman parte da Asociación Cabalar Pedroso de Ribadil, organizadores do Curro, nesta nova edición. Felicitación extensiva tamén ao resto dos colaboradores que fixeron posible que a xornada do domingo volvera a saldarse con doble éxito: de organización e participación”. “Un evento que volveu a converterse nunha xuntanza de confraternidade” .

O Alcalde volveu a manifestar o “apoio incondicional e compromiso de colaboración do Concello da Cañiza con este Curro, en futuras edicións,  así como con todas aquelas iniciativas que se sumen aos activos turísticos da Cañiza, e que redunden en beneficio do noso Municipio”.

Unha xornada vibrante e emocionante

O día desenvolveuse nun ambiente de festa, campestre e vibrante que comezou ás 7 da mañá coa subida ao monte á busca dos rabaños.

Durante toda a xornada se puido comer, beber, facerse con lembranzas e posar en photocall e sobre todo disfrutar dos cabalos: nas montañas e no propio recinto.

Como todo curro que se preze, se sanearon os animais, colocaron os microchips e se desenvolveron “compras e vendas”  entre os gandeiros.

Todo isto nun ambiente amenizado con música tradicional e boa gastronomía da que deron boa conta os centos de veciños e visitantes.

Ademáis, o artista Bruxo Queiman foi o mestre de cerimonias desta nova edición. Encargado de guiar a todos os presentes por cada momento da xornada.

Este curro tamén contou con outro invitado de excepción: o Presidente do Curro de Sabucedo que quixo apoiar coa súa presenza o noso evento.

Felicidades a todos por este BO TRABALLO!

Neste enlace podedes disfrutar da xornada a través de vídeos e imaxes do facebook do CURRO DO PEDROSO: https://www.facebook.com/currodopedroso