Esta mañá celebrouse no Salón Nobre de Sesións do Concello da Cañiza a presentación institucional da Vía Mariana Luso Galaica, un proxecto de cooperación transfronteiriza que une territorios de Galicia e Portugal co obxectivo de poñer en valor o patrimonio natural, cultural e relixioso a través dun itinerario de peregrinación mariana.
O acto comezou coa benvida do Alcalde da Cañiza, Luis Piña, quen destacou a importancia desta iniciativa como símbolo de unión entre territorio, patrimonio e persoas a ambos lados do Miño.
Na súa intervención o Alcalde agradeceu o traballo conxunto dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), da Asociación Vía Mariana, da Xunta de Galicia, da Unión Europea a través do programa LEADER e do Goberno de España, subliñando o valor da cooperación institucional. Luis Piña tamén quixo agradecer o traballo excepcional das parroquias, comunidades de montes e asociacións que coa súa man fixeron posible este camiño.
Nas súas palabras, o Alcalde quixo poñer en valor a dimensión cultural e espiritual da ruta:
“A Vía Mariana é moito máis ca unha ruta, é unha ligazón histórica entre santuarios e vilas, desde Braga ata Muxía, ao longo dun itinerario de preto de 400 quilómetros distribuídos en 17 etapas. É un camiño de fe, memoria e natureza que recupera do esquecemento vieiros antigos e dálle sentido novo ao que somos: unha Gallaecia compartida, aberta e hospitalaria. Na Cañiza sentímonos especialmente parte desta historia. A etapa da Franqueira é un tramo de beleza e esixencia, co noso Santuario como referente espiritual, cultural e paisaxístico.”
Luis Piña reafirmou o compromiso do Concello da Cañiza co coidado e sinalización do tramo local, coa atención ás persoas peregrinas e coa cooperación cos concellos veciños e coas cámaras portuguesas, para garantir unha experiencia segura, sustentable e de calidade. Ademais, destacou o carácter "transfronteirizo e cooperativo" do proxecto, exemplo de como o local, o provincial, o autonómico, o estatal e o europeo poden sumar esforzos nun mesmo territorio.
A continuación interveu José Manuel Alfonso González, vicepresidente do GDR Terra e Auga, quen subliñou o papel dos Grupos de Desenvolvemento Rural na dinamización do medio rural e na consolidación do proxecto.
Durante a xornada, Paco González Carracedo, xerente do GDR Terra e Auga, presentou os detalles do proxecto de cooperación “Vía Mariana Luso Galaica”, explicando a súa estrutura, obxectivos e as actuacións previstas para os próximos meses.
O evento incluíu tamén a sinatura do convenio de colaboración institucional entre a Asociación Vía Mariana Luso Galaica e os Grupos de Desenvolvemento Rural participantes, coa participación de José Manuel Alfonso González e Henrique Malleiro, presidente da Asociación.
A xornada concluíu cun brinde de confraternidade e unha degustación de petiscos e viños galegos procedentes dos territorios dos GDR colaboradores.
O evento contou co apoio da Xunta de Galicia, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e do programa LEADER, cofinanciado pola Unión Europea, a través dos GDR Terra e Auga, Galicia Suroeste, Terras de Compostela e Costa da Morte.


