- Un acto que contou coa presenza do Director Xeral de Comercio e Consumo da Xunta, Gabriel Alén, o Alcalde Luis Piña, o Presidente da Federación de Comercio de Pontevedra, Iván Iglesias e o Director da sucursal de Abanca da Cañiza.
Este sábado, día de Feira na Cañiza, entregáronse os premios da sexta campaña do programa Merca no teu comercio, que se celebrou no noso Concello e que ten como obxectivo incentivar as compras nos negocios locais así como premiar á veciñanza que apoia o comercio de proximidade.
Nesta iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Comercio, entregáronse aos veciños gañadores 20 tarxetas prepago de 50 euros, que poderán ser utilizadas nos comercios locais adheridos ata o 31 de decembro de 2025.
A campaña, que tivo lugar entre o 15 e o 30 de agosto, tivo como obxectivo impulsar as vendas nos comercios de A Cañiza, Covelo e Crecente, e poñer en valor a súa contribución ao dinamismo económico e social das zonas rurais.
O Alcalde ademais de felicitar aos gañadores, destacou o compromiso do municipio co comercio local.
Luis Piña lembrou que o propio Concello xa leva anos realizando campañas semellantes coa colaboración da Asociación de Comerciantes da Cañiza. Entre elas, a campaña de activación e fidelización A confianza de sempre, agasállate este Nadal, que busca incentivar as compras durante a tempada navideña e reforzar a relación entre os consumidores e os comercios locais, favorecendo así o desenvolvemento económico do municipio.
Para participar e ter a oportunidade de gañar os premios na campaña Merca no teu comercio, os veciños debían realizar compras nos comercios locais adheridos á iniciativa entre o 15 e o 30 de agosto. Unha vez realizadas as compras, os consumidores tiñan que rexistrar os seus tickets de compra no sistema habilitado pola Xunta. A través deste rexistro, entraron no sorteo das 20 tarxetas prepago de 50 euros, que poderán utilizar nos comercios locais adheridos ata finais de 2025.
Felicidades a todos os premiados !


