O skatepark da Caniza foi escenario o domingo 19 de abril da terceira cita de deporte urbano no que vai de ano, coa celebración do Campionato Galego de Freestyle Street Park 2026, unha proba destacada dentro do calendario autonómico, organizada polo Club Rollerblading Unity en colaboración coa Federación Galega de Patinaxe, a Xunta de Galicia e o Concello.
O evento contou coa presenza do Alcalde Luis Piña e do concelleiro Miguel Anxo Gómez, que, xunto á presidenta da Federación Galega de Patinaxe, María Jesús Vázquez, entregaron os premios. A xornada estivo marcada por unha alta participación e un gran ambiente entre público e deportistas.
O campionato, presentado polo speaker Miguel Fernández, reuniu a patinadores e patinadoras de toda Galicia nunha proba federada de freestyle agresivo (Aggressive Roller), onde se puxeron a proba a técnica, a creatividade e a habilidade nun contorno urbano especialmente acondicionado.
A competición estruturouse en diversas categorías —Sub 10 mixta, Sub 15 masculino e feminino, Sub 19 masculino e feminino e sénior mixta—, fomentando así a participación de deportistas de todas as idades. Durante a mañá celebráronse probas nas modalidades de Street e Skatepark, facilitando un acceso progresivo á competición principal, que tivo lugar pola tarde.
Durante a súa intervención, o Alcalde destacou a relevancia deste tipo de iniciativas para impulsar esta disciplina, que no último mes reuniu no skatepark da Caniza a centos de afeccionados nos tres eventos celebrados, consolidando a instalación como un referente en Galicia.
Luis Piña tamén agradeceu á Federación Galega de Patinaxe, ao club Rollerblading Unity e a todos os deportistas por ter elexido A Caniza para celebrar esta competición.
A xornada concluíu cun ambiente festivo e participativo, reafirmando o compromiso do municipio co deporte urbano e a súa proxección dentro da comunidade galega.
Os resultados poden consultarse na web oficial da Federación Galega de Patinaxe:
https://www.fgpatinaxe.gal/clasificacion-do-campionato-galego-de-roller-freestyle-street-park-xunta-de-galicia/?fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEAc3J0YwZhcHBfaWQMMjU2MjgxMDQwNTU4AAGnxA5Z0UpvODxnXwNhYVxyhnM9XgBqRHtlSU2g2P4efu0mYk3g9JcGJa94XFA_aem_8T80ovcjq60Scaja4ncBYw
Galería multimedia