Arranca a 1ª parada da Liga Nacional de Skateboarding Iberdrola Skate Series 2026

Esta mañá deu comezo en A Caniza a Primeira parada de Street da Liga Nacional de Skateboarding Iberdrola Skate Series 2026 coa celebración da ronda de adestramentos no skatepark municipal, convertendo novamente á vila nun dos grandes referentes do skateboarding nacional.

Ás 12:00 horas tivo lugar o acto oficial de presentación da competición, no que participaron o Alcalde Luis Piña; Daniel Lozano, director do Comité Nacional de Skateboarding (CNS) da Real Federación Española de Patinaxe; e dous dos participantes da proba: Natalia Muñoz, skater, actual campioa de España e clasificada na 14ª posición nos Xogos Olímpicos de París 2024, e Luis Cabarcos, rider galego e campión de Galicia na Liga da Federación Galega de Patinaxe.

Durante a súa intervención, o Alcalde deu a benvida a todos os riders participantes e agradeceu á Real Federación Española de Patinaxe a elección do skatepark municipal da Caniza para acoller esta primeira proba do circuíto nacional. Luis Piña animou aos participantes e aos seus acompañantes a coñecer o municipio durante a súa estancia, destacando que A Caniza é coñecida en toda Galicia pola calidade e prestixio do seu afamado xamón.

Pola súa banda, Daniel Lozano agradeceu a excelente acollida recibida e a total colaboración prestada polo Concello e polo Alcalde para facer posible a celebración da competición. O director do Comité Nacional de Skateboarding destacou ademais a calidade das instalacións municipais, sinalando que o skatepark da Caniza é unha das mellores infraestruturas de España para a práctica da modalidade Street, disciplina olímpica.

Esta primeira proba do calendario estatal reúne un total de 42 deportistas. A presenza de Natalia Muñoz, unha das grandes referencias do skateboarding español, e de Luis Cabarcos, máximo expoñente actual do skate galego, eleva o nivel deportivo dunha cita que congrega tanto a riders consolidados como ás novas promesas desta disciplina olímpica.

O Alcalde lembrou tamén a importante aposta realizada polo Concello en 2023 para a construción desta infraestrutura deportiva, unha instalación que se ten convertido nun referente para a práctica dos deportes urbanos. Neste sentido, destacou que durante 2026 o skatepark municipal deu un novo salto cualitativo ao acoller eventos de ámbito estatal como o Campionato de España Team Cross, a Copa de España e Liga Nacional de SkateCross, ademais do Campionato Galego Freestyle Street Park, a competición BMX Game Of Bike League e esta proba da Liga Nacional de Skateboarding Iberdrola Skate Series.

A celebración continuada deste tipo de eventos está colocando o skatepark no mapa, atraendo a deportistas, clubs e federacións procedentes de distintos puntos de Galicia e de España, reforzando a proxección exterior do municipio e consolidando A Caniza como un destino de referencia para a organización de competicións deportivas de primeiro nivel.

Para rematar, o Alcalde convidou a veciños e visitantes a achegarse durante a fin de semana a A Caniza, destacando que se trata dunha oportunidade única para ver en acción algúns dos mellores riders da disciplina e para coñecer de preto unhas instalacións que se teñen convertido nun referente a nivel nacional.

Horarios da competición

A primeira parada da Liga Nacional de Skateboarding Iberdrola Skate Series 2026 comezou este venres coa celebración dos adestramentos oficiais durante toda a xornada.

A competición arrincará o sábado coas quendas clasificatorias masculinas, que se desenvolverán entre as 10:00 e as 15:00 horas. Pola tarde, entre as 16:00 e as 19:00 horas, disputaranse as semifinais femininas.

A actividade continuará o domingo coa celebración das semifinais masculinas, previstas entre as 10:00 e as 12:15 horas. A continuación, ás 12:15 horas, terá lugar a final feminina e, ás 13:15 horas, disputarase a gran final masculina.

A entrega de premios está prevista para as 14:30 horas, poñendo o broche final a unha competición que repartirá un total de 10.000 euros en premios nas categorías absolutas, ademais de premios en material para as categorías júnior.