Arbo, Crecente, Melgaço, A Cañiza e As Neves asinamos un protocolo de cooperación para crear a Eurocidade do Miño

Os municipios fronteirizos iniciamos os trámites para crear a quinta eurocidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Este sábado, 23 de abril de 2022, no Concello de Arbo asinouse o PROTOCOLO DE COOPERACIÓN entre os alcaldes de Arbo, Horacio Gil, As Neves,  Xose Rodríguez, Crecente, Julio César, A Cañiza, Luís Piña (Municipios situados no sur de Galicia; na provincia de Pontevedra) e   Melgaço, Manoel   Batista (distrito de Viana do Castelo), para iniciar o proceso de creación da  « Eurociudad do Miño».

Un acto que tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Arbo, ás 12:00 horas, e que contou coa presenza dos rexedores fronteirizos e  representantes de diferentes institucións galegas. As autoridades resaltaron a proximidade xeográfica así como as afinidades culturais, históricas e económicas existentes entre estes Concellos.

«Eurociudad do Miño» terá unha zona de influencia directa de 30.000 persoas, sen contar o fluxo indirecto das zonas máis poboadas de Galicia, como Vigo, Pontevedra e Ourense, entre outras grandes poboacións do sur da comunidade.

«A cooperación transfronteiriza é un dos medios máis eficaces para a aproximación das poboacións fronteirizas, suprimindo as dificultades que implican todas as fronteiras e fomentando o desenvolvemento económico, social e cultural destas rexións».

«Esta 5ª  eurociudad permitirá aproveitar e maximizar os recursos endóxenos de cada zona e contribuirá á eliminación das liñas fronteirizas ademais de axudar ao desenvolvemento do principio de cidadanía europea».