Programación do Verán de Lecer 2025 Concello da Cañiza

Data
to
Location
Rúas, prazas e instalacións do Concello da Cañiza. Consultar a cartelería
Organiser
Concello da Cañiza
Actividades

O Alcalde Luis Piña acompañado dos concelleiros do Equipo de Goberno presentaron nas pistas de skatepark e pumptrack do Vieiro, a programación cultural e deportiva coa que A Cañiza dará a benvida ao verán 2025.

A inauguración da programación tivo lugar o pasado 1 de xuño, cun evento deportivo de primeiro nivel: o Campionato Galego Roller Freestyle - Xunta de Galicia - Street Park 2025, que se celebrará nas pistas do skatepark municipal. Entre as 11:00h e as 15:00h, os mellores patinadores galegos sorprenderán coas súas acrobacias e trucos sobre ramplas e varandas, nunha disciplina que mestura deporte e cultura urbana.

“Temos o pracer de presentar esta programación tras meses de intenso traballo, nos que puxemos todo o noso esforzo para seleccionar os mellores espectáculos, actuacións e eventos”, destacou o alcalde.

A programación inclúe tamén actividades organizadas por clubs e asociacións locais, ás que o Concello quere dar visibilidade e recoñecemento polo seu impacto social e cultural. O alcalde quixo agradecer expresamente a implicación dos veciños e veciñas que colaboran cada ano para facer posible esta ampla oferta.

O Verán de Lecer está cheo de eventos especiais e un deles será a actuación da Banda de Gaitas de Paramos-Tui, o día 10 de agosto na Praza Maior. Nesta ocasión e con motivo da súa 3ª actuación na Cañiza, estrearán unha partitura orixinal adicada á nosa localidade.

Tamén anunciamos a celebración do campamento urbano de Verán que se desenvolverá en dúas quendas durante todo o mes de xullo en horario de 9 a 14h, nas instalacions do pavillón municipal e da piscina das Grades. Nos vindeiros días abriremos o prazo para as inscricións.

 

Horario

Verán 2025

Un verán cheo de cultura, deporte e tradición

A programación do Verán 2025 inclúe máis de 60 actividades pensadas para todas as idades. Continúa o sábado 7 de xuño co Campionato Galego de Aeromodelismo “F3F de Voo en Ladeira de planeadores”, organizado polo Club Vuelo a Vela Fontefría a partires das 10:30h nas ladeiras da contorna.

Durante os meses de verán, a veciñanza e visitantes poderán gozar de:

  • Andainas, rutas en bicicleta e cros populares
  • Exhibicións de patinaxe, taekwondo, e escolas deportivas
  • Torneos de fútbol e balonmán
  • Xuntanzas moteiras e actividades de aeromodelismo
  • Campamentos urbanos e campus deportivos do CF Cañiza (14–31 xullo) e do Balonmán Cañiza (1–14 agosto)
  • Cine ao aire libre, concertos de música clásica, actuacións da Escola de Música e da Coral polifónica.
  • Festas infantís, inchables, karaoke, maxia, circo aéreo, teatro, batallas de rap e noites de humor.
  • Exposicións de pintura e escultura, desfiles de moda e correbares e festivais folclóricos

Tampouco faltarán as celebracións máis tradicionais, como a Procesión do Santísimo Cristo da Agonía o segundo domingo de xullo, a Sardiñada Popular do 24 de agosto na Carballeira do Cacharado, e a Romaría de Verán da Nosa Señora da Franqueira, o 8 de setembro.

A 59º Feira do Xamón: o gran evento do verán

O 15 de agosto, A Cañiza celebrará a súa festa máis emblemática: a 59ª edición da Feira do Xamón, con toda a súa esencia gastronómica e festiva. A Carballeira do Cacharado acollerá o tradicional Concurso Nacional de Cortadores de Xamón, acompañado dun programa festivo que inclúe:

  • O obradoiro de xamón xigante (13 de agosto)
  • A Masterclass de corte de xamón e cata de viños (14 de agosto)
  • Concerto Ingrávida da man de Mercedes Peón ( 12 de agosto)
  • Actuacións musicais e espectáculos para todos os públicos

Apoio aos eventos organizados polas asociacións

O Concello tamén quere dar visibilidade a outras iniciativas de gran valor para a Cañiza, aínda que non estean organizadas directamente pola administración. Entre elas destacan:

  • Exhibicións dos equipos de patinaxe de Valeixe e da Cañiza
  • Campionato de Fútbol “Pachanga na Rúa” (4, 5 e 6 de xullo)
  • Festa do Cristo da Agonía (10–13 de xullo)
  • II Serán de Valeixe (20 de xullo)
  • Correbares a cargo da Asociación Cultural ASCULCA. (25 de xullo)
  • Entroido de Verán organizado polo Balonmán Cañiza (26 de xullo)
  • Celebración do Curro do Pedroso (10 de agosto)
  • Campus deportivos organizados polos clubs locais

 

Unha invitación a participar

Desde o Concello da Cañiza queremos agradecer a todos os clubs, asociacións, artistas e veciños que fan posible este Verán Cultural e Deportivo 2025.

Esta programación é froito do traballo colectivo e está pensada para ser compartida.

Vémonos na rúa, nas festas e nas pistas. ¡Feliz verán a todos!