Presentación do libro de Judit Baltasar «A forza dunha alma rota», nova actividade dentro do Programa «CLARA»
Presentación do libro de Judit Baltasar «A forza dunha alma rota», nova actividade dentro do Programa «CLARA»
-
O vindeiro luns, 28 de setembro, Judit Baltasar compartirá a súa experiencia como vítima de violencia de xénero e presentará o seu libro «A forza dunha alma rota», nun encontro aberto ao público que se celebrará no Salón de Plenos do Concello da Caniza, a partires das 8 da tarde no 2º andar do Consistorio ( rúa Oriente, 11)
O Concello da Caniza continúa desenvolvendo o Programa CLARA para mulleres e nenas, unha iniciativa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero, desenvolvendo iniciativas destinadas á sensibilización e á creación de espazos de reflexión arredor da violencia contra as mulleres.
Baixo o título «Voces que rompen o silencio da violencia contra as mulleres», o luns 28 de setembro, ás 20:00 horas, o Salón de Plenos da Casa Consistorial desenvolverá unha destas iniciativas da man de Judit Baltasar, unha muller que compartirá co público a súa experiencia persoal como vítima de violencia de xénero, presentando o seu libro «A forza dunha alma rota».
O encontro pretende contribuír a visibilizar as situacións de violencia contra as mulleres, favorecer a sensibilización social e dar voz a experiencias que durante moito tempo permaneceron ocultas ou silenciadas.
A través do testemuño persoal de Judit Baltasar, a actividade busca tamén abrir un espazo de diálogo e reflexión sobre a importancia de detectar, previr e combater a violencia de xénero.
Esta actividade incorpórase ao traballo que o Concello da Caniza ven realizando a través do Programa CLARA, que este ano alcanza a súa terceira edición e que nace da colaboración entre A Caniza e Covelo para ofrecer ás mulleres un servizo próximo, gratuíto e especializado.
O Programa CLARA está dirixido ás mulleres da Caniza e Covelo e ás persoas que dependan delas, e ofrece atención especializada xurídica e psicolóxica de maneira totalmente gratuíta e con todas as garantías de privacidade.
O servizo conta cun equipo multidisciplinar e inclúe atención psicolóxica, asesoramento xurídico, orientación laboral, actividades relacionadas coa saúde e o benestar e diferentes accións formativas e de sensibilización en materia de igualdade.
Entre as actividades previstas atópanse obradoiros destinados a reducir a fenda tecnolóxica, iniciativas sobre alimentación e xénero, charlas e debates sobre igualdade, brecha salarial e teito de cristal, actividades para repensar os coidados e promover o autocoidado, así como a proposta “Impulsando o teu futuro”, destinada a mulleres en situación de desemprego ou que queiran mellorar ou cambiar a súa situación laboral.
Ademáis o programa ofrece atención xurídica e psicolóxica ás mulleres que poden acceder a este servizo todos os xoves pola mañá, con cita previa, nos seguintes puntos:
- A Caniza: Edificio Multiusos, primeiro andar.
- Covelo: Centro de Maceira.
Para solicitar cita, obter información sobre o programa ou participar nas actividades, pódese contactar a través dos teléfonos e WhatsApp 606 118 853 / 687 227 495.
O programa está financiado cunha axuda de 16.720 euros, concedida pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.
Os Alcaldes animan ás mulleres da Caniza e Covelo a coñecer os recursos dispoñibles e a participar nas diferentes actividades do Programa CLARA, que busca fortalecer a autonomía, a igualdade de oportunidades e o benestar das mulleres, así como contribuír á prevención e erradicación da violencia de xénero.
O Luns, 28 de setembro de 2026, ás 20h no Salón de Plenos do Concello