Monologuistas: «CÓMICAS HABELAS, HAINAS»

Data
to
Location
Auditorio da Casa de Cultura da Cañiza
Organiser
Concello da Cañiza en colaboración coa Deputación de Pontevedra
Actividades

Espectáculo de humor feito por mulleres cómicas para PÚBLICO ADULTO

Esta proposta da Deputación de Pontevedra, coordinada pola actriz, xornalista e cómica viguesa Jazmín Abuín, nace da idea de rachar cos prexuízos que aínda hoxe moitas compañeiras de profesión seguen a sufrir, especialmente en Galicia, como mulleres no eido da comedia. 

Aínda hai entidades que teñen medo a contratar cómicas ou directamente néganse a facelo.

En xeral, e sen ter en conta o seu traballo nin a súa traxectoria, “a comedia feminina non funciona”, din moitos, coma se fose un xénero por si mesmo.

Cando se ven catro cómicos nun cartel, ninguén fala de “comedia masculina”, simplemente considérase un espectáculo de comedia. Mentres que, porén, se hai só mulleres, semella que só pode tratar dalgunha temática en concreto.

Estes prexuízos tamén se observan na audiencia; moitas veces, ao final dun espectáculo, parte do público masculino achégase ás cómicas, sorprendido, con comentarios coma: “vin coa miña moza e ao final rinme case máis ca ela”, “non viña moi convencido, pero encantoume” ou “tiña medo do que me ía atopar, pero resulta que estivo xenial”.

Un claro exemplo é El Club de la Comedia, onde Jazmín Abuín traballa actualmente, polo que fala con coñecemento de causa. A pesar de ser un dos espectáculos onde a paridade está máis cerca, aínda hai o triplo de cómicos que de cómicas. Ademais, dos catro comediantes que actúan en cada función, a combinación adoita ser de tres homes e unha muller. O público do club é o máis parecido ao dos concellos, especialmente en Madrid; é xente de moitas cidades de España que normalmente vai ver o espectáculo como parte da súa experiencia de fin de semana ou de vacacións, polo que unha gran parte é de fóra de Madrid. É un público que acode agardando atoparse o que leva escoitando toda a vida na televisión: chistes con tintura machista, na maioría das veces. Pero cando se lle ofrece algo distinto tamén o agradece, e opina así cando abandona os teatros e auditorios.

A cultura e o humor como motor de cambio

A parte didáctica e pedagóxica que ten moitas veces a cultura é o concepto fundamental desta proposta. Concretamente o humor ten a capacidade de cambiar as cousas, rachar cos padróns, mudar o imaxinario colectivo e facer avanzar a sociedade a través da risa; e temos avanzado moitísimo. Hai grandes cómicas traballando nos circuítos máis importantes, obtendo boísimos resultados e con carreiras de éxito, o que ata hai pouco semellaba impensable. Pero trátase de seguir “facendo ese camiño”, de amplificar o alcance e normalizar a presenza das mulleres na comedia para que ocupen o espazo que lles pertence por dereito.

Pontevedra, unha provincia na que potenciar o papel das cómicas

Recollendo o estado da cuestión e os obxectivos por diante, “Cómicas, habelas hainas!” é un proxecto que levará a comedia feita e protagonizada por mulleres por todas as comarcas da provincia de Pontevedra, cun espectáculo de comedia en vivo de pouco máis dunha hora, con diferentes artistas e temáticas, e cun formato áxil e dinámico no que o público terá a oportunidade de ver tres cómicas de recoñecido prestixio, acompañadas dunha presentadora.

 

AS PROTAGONISTAS: CÓMICAS GALEGAS

Jazmín Abuín. Actriz, monologuista, cantante e xornalista viguesa cunha longa traxectoria, tanto en teatro musical (La bella y la bestia, Peter pan, Quisiera ser, Una corbata para Monroe...) e de texto coma en televisión (Acacias 38, Amar es para siempre, La que se avecina, Serramoura ou a recente serie de Netflix Machos alfa, entre outras) e cine (Ola de crímenes, La casa de tiza ou a curta Cordelias, de Gracia Querejeta, candidata aos Premios Goya). Compaxina a súa faceta de actriz e cantante coa de monologuista. Actualmente é unha das cómicas de El Club de la Comedia, en Madrid, ademais de representar o seu espectáculo de comedia en vivo Riquiña, en Madrid e en distintos lugares de Galicia e do resto de España.

Arantxa Treus. Esta polifacética artista comparte escenario todos os meses coas e cos mellores monologuistas do país no seu espectáculo Los monólogos de la Treus. Traballou en series de televisión coma GondarSerramoura ou Fariña. O seu monólogo Sexo débil, o carallo recibiu o premio do Festival de Teatro Galego Celso Parada (FETEGA) de 2022 ao mellor monólogo cómico. Actualmente prepara Revolta, o seu novo espectáculo teatral, unha viaxe pola evolución do ser humano desde unha mirada crítica e humorística contada por mulleres.

Marta Doviro. Con máis de dez anos sobre os escenarios, acumula varias facetas: actriz, presentadora, cómica e o que lle boten. Ten participado en películas e series da Televisión de Galicia (Pazo de Familia ou Luci), ademais de presentar máis dunha decena de programas de entretemento (Malo será, Máis galego, Feirantes etc.). Foi galardoada co Premio Dorotea Bárcena á mellor monologuista cómica. Desde 2020 saca sorrisos por Galicia coa xira do seu propio monólogo.

Cómicas convidadas de fóra (só en Vigo e en Pontevedra):

Bianca Kovacs. Actriz e monologuista cun destacado paso por coñecidos programas de televisión. Ao longo da súa salientable carreira como actriz interpretou personaxes en series coma AídaLa que se avecina30 monedas ou ¿Y si sí?, un programa de José Mota presentado por Santiago Segura. Actualmente traballa no programa Stand‑Up 3000 en Comedy Central, en Movistar Plus+. Ademais, presentou durante dúas tempadas Las noches del Club de la Comedia no teatro, en Madrid e Barcelona.

Coria Castillo. Actriz e cómica cun longo percorrido en programas de Paramount Comedy, Comedy Central, Movistar Plus+ e Amazon Prime, entre outros. Colabora en programas de radio coma Hoy por hoy Madrid (Cadena Ser), Las piernas no son del cuerpo (Melodía FM) ou Hoy de tranqui (Cadena Dial). Participa en producións de teatro coma El manicomio de los horrores, cunha xira de dous anos por España e México, e en Las noches de El Club de la Comedia. Recentemente foi candidata a mellor actriz nos Premios Feroz pola serie Fácil, de Movistar Plus+.

Presentadora:

Bárbara Grandío. Actriz coruñesa coñecida por series coma La que se avecina, na que estivo varias tempadas, A estibaLobos e cordeiros e Anclados, entre outras.

Cómpre destacar o seu traballo nas películas Historias lamentables, de Javier Fesser, e A historia dun satélite, das Also Sisters. Con esta última, foi candidata aos Premios Mestre Mateo 2018 á mellor actriz.

Horario

Sábado 6 de maio de 2023, ás 20.30h no Auditorio da Casa de Cultura da Cañiza