O Alcalde Luis Piña informou da celebración este venres, 13 de marzo, dun acto institucional de homenaxe a Maruja Gómez González, a primeira muller elixida democraticamente alcaldesa en Galicia no ano 1936 no municipio da Cañiza.
O acto, organizado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) coa colaboración do Concello da Cañiza, celebrarase ás 12:00 horas no Salón de Plenos da Casa Consistorial e forma parte das actividades impulsadas polo municipalismo galego arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Este ano cúmprense 90 anos da investidura de Maruja Gómez, unha figura pioneira que marcou un fito na historia política de Galicia ao converterse na primeira alcaldesa elixida democraticamente na comunidade.
“Para a Cañiza é unha honra acoller este acto de recoñecemento a unha muller que abriu camiño e que forma parte da historia democrática do noso municipio e de Galicia”, destacou o Alcalde Luis Piña.
A homenaxe, promovida pola FEGAMP, quere poñer en valor o papel das mulleres como xestoras do cambio e protagonistas da vida pública, especialmente no ámbito local, lembrando a figura de Maruja Gómez como símbolo da participación e do liderado feminino na política municipal.
Durante o acto tamén se evocará, a través da súa figura, o papel de todas as mulleres que ao longo das últimas décadas asumiron responsabilidades nas alcaldías e corporacións municipais galegas, contribuíndo á transformación social e institucional dos concellos.
Desde o Concello da Cañiza invítase á veciñanza e ás persoas interesadas a asistir a esta xornada de lembranza e recoñecemento, que servirá para reivindicar a memoria dunha pioneira e continuar avanzando cara a unha maior igualdade na representación política local.
O venres, 13 de marzo de 2026, ás 12 da mañá no Salón de Plenos da Casa Consistorial