A Cañiza acolle un acto dedicado a Rita Fernández Queimadelos, pioneira da arquitectura en España
O luns , o Salón de Plenos do Concello da Cañiza acollerá un acto dedicado a Rita Fernández Queimadelos, arquitecta nacida na localidade e considerada unha das pioneiras da arquitectura en España.
A actividade forma parte do ciclo “Aquí Faltan Páxinas. Mulleres extraordinarias”, unha colección que recupera historias de mulleres fundamentais para comprender a memoria colectiva e o desenvolvemento social, moitas veces ausentes dos relatos tradicionais.
O acto está promovido pola Deputación de Pontevedra, a través do seu Servizo de Igualdade, e enmárcase dentro da programación conmemorativa do Mes da Muller Traballadora, arredor do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e conta coa colaboración do Concello da Cañiza.
Durante o encontro poñerase en valor a figura e a traxectoria de Rita Fernández Queimadelos (1911–2008), primeira arquitecta galega titulada e unha das primeiras mulleres arquitectas en España, cuxa carreira contribuíu a romper estereotipos de xénero nunha profesión tradicionalmente masculina. Nada na Cañiza no seo dunha familia vinculada ao comercio, amosou desde moi nova interese pola arquitectura, influída polo seu avó materno, agrimensor na localidade. A pesar das dificultades e da oposición inicial da súa contorna, logrou estudar arquitectura en Madrid e titulouse en 1940, formando parte da primeira xeración de arquitectas do país.
“Praza Arquitecta Rita Queimadelos”
Ao longo da súa carreira traballou na Dirección Xeral de Rexións Devastadas e desenvolveu proxectos tanto no ámbito público como no privado, especialmente en Madrid e Murcia. Posteriormente exerceu como arquitecta escolar provincial e arquitecta municipal, ademais de manter a súa actividade como profesional independente, destacando especialmente en proxectos de arquitectura civil, rehabilitación e vivenda social.
O recoñecemento á súa figura foi medrando nos últimos anos. En marzo de 2025, o Concello da Cañiza e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) rendéronlle unha homenaxe pública con motivo do 8M, no que se descubriu unha placa que dá nome á “Praza Arquitecta Rita Queimadelos”, situada na actual Praza do Mercado da localidade. O acto estivo presidido polo decano do COAG, Luciano Alfaya, e o alcalde da Cañiza, Luis Piña, e contou coa participación de representantes do colexio profesional e de autores do libro Arquitectas pioneiras de Galicia: oito entrevistas, publicado pola Universidade da Coruña.
Con esta iniciativa quíxose visibilizar o traballo das mulleres arquitectas e recoñecer a traxectoria dunha profesional que se converteu en referente para moitas outras mulleres na arquitectura, contribuíndo a cambiar os estereotipos de xénero na profesión e a aumentar a presenza feminina no espazo público e na memoria colectiva.
A sesión enmárcase na terceira colección de “Aquí Faltan Páxinas”, un proxecto que amplía a xenealoxía de mulleres extraordinarias que, desde distintos ámbitos —a cultura, a ciencia, o activismo social ou as tradicións populares— contribuíron a transformar a sociedade e hoxe constitúen referentes para as novas xeracións.
A entrada ao acto será libre ata completar aforo.
