O Alcalde Luis Piña informou esta mañá que o Concurso de Comparsas, no que está confirmada a participación de máis de 200 persoas, celebrarase este domingo 22 de febreiro, tras ter que ser suspendido a pasada fin de semana debido ás inclemencias meteorolóxicas.
Así mesmo, o Enterro do «Rexoubón» terá lugar o sábado 28 de febreiro, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.
CONCURSO DE COMPARSAS. Domingo 22 de febreiro de 2026
A partires das 16:30h, os participantes desfilarán polas principais rúas da Cañiza acompañados pola charanga viguesa Vai de Baile, ata chegar á rúa Antonio Facorro, onde se realizarán as exhibicións e terá lugar o concurso.
Mantéñense as mesmas bases e condicións establecidas inicialmente, así como as categorías:
- Infantil, ata os 14 anos incluídos
- Adultos, a partir dos 15 anos
Premios por categoría:
- 1º premio: 500 €
- 2º premio: 300 €
- 3º premio: 200 €
- 4º premio: 150 €
- O 1º premio contará ademais con 100 € adicionais destinados á axuda para a confección do boneco do «Rexoubón».
Todos os participantes terán dereito a unha axuda de 10 €, cun máximo de 400 € por comparsa, sempre que completen o desfile.
ENTERRO DO «REXOUBÓN». Sábado, 28 de febreiro de 2026
O Enterro do «Rexoubón», principal novidade do Entroido 2026, celebrarase o sábado seguinte ao concurso.
A comitiva fúnebre partirá ás 19.30 horas desde a Carballeira do Cacharado, percorrendo as rúas da Cañiza ata o aparcadoiro do Regueiro, onde terá lugar a cerimonia de incineración do «Rexoubón», poñendo fin ás celebracións.
A inscrición no Desfile-Concurso de Comparsas implica a obriga de asistir e participar no Enterro cun mínimo do 50 % das persoas inscritas en cada comparsa.
A comparsa gañadora na categoría de adultos será a encargada da elaboración do boneco do «Rexoubón» e de portar o féretro durante a comitiva. Todos os participantes deberán vestir de rigoroso loito.

O domingo 22 de febreiro de 2026, a partires das 16:30 horas.