
Esta mañá presentouse a iniciativa no Skatepark da Cañiza coa asistencia do Alcalde Luis Piña e do organizador, Ricki Serrano acompañado de @bread_bkb.
O vindeiro 18 de abril, de 11:30 a 15:00h, A Cañiza acollerá unha proposta sen precedentes no panorama do BMX galego: Game Of Bike LEAGUE, unha competición que reunirá a algúns dos riders máis destacados nun formato directo, dinámico e cheo de espectáculo.
A iniciativa está impulsada por Ricki Serrano, coñecido nas redes sociais como RickiRides, creador de contido a tempo completo e apaixonado do BMX, que decidiu traer este formato competitivo a Galicia co obxectivo de impulsar a escena local e ofrecer unha cita de alto nivel nun contorno único.
“Galicia é un lugar máxico, con moitísimo potencial, e A Cañiza conta co que para min é o mellor skatepark da comunidade. Era o sitio perfecto para facelo realidade”, explica Ricki quen tamén confirmou que “esta é unha oportunidade única para gozar do talento, da creatividade e da adrenalina do BMX nun contorno incomparable”.
A cita contará coa participación de 8 riders, que competirán en enfrontamentos directos seguindo as regras clásicas do popular xogo Game Of Bike. Ao longo de distintas roldas eliminatorias por grupos, os participantes iranse retando mutuamente ata que só quede un.
O formato é sinxelo pero esixente: cada rider deberá replicar os trucos do seu opoñente; quen falle irá acumulando letras ata completar a palabra “BIKE” e quedar eliminado. Precisión, creatividade e análise serán claves en cada enfrontamento.
A competición avanzará ata unha gran final na que só quedará un gañador. Nesta liga non hai segundas oportunidades: o gañador lévao todo.
Game Of Bike LEAGUE nace coa intención de converterse nunha cita recorrente dentro do BMX nacional, apostando por un formato próximo ao público, emocionante e doado de seguir, tanto en directo como a través das redes sociais.
Na presentación desta mañá o Alcalde convidou á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse á Cañiza para gozar desta cita deportiva, destacando que “trátase dunha excelente oportunidade para vivir o deporte en directo e descubrir todo o que o noso municipio ten que ofrecer”. Así mesmo, agradeceu á organización a elección da Cañiza como sede, subliñando a importancia de acoller iniciativas que dinamizan a vida social e deportiva local.
Data: 18 de abril
Hora: 11:30h a 15:00h
Lugar: Skatepark da Cañiza
Formato: Eliminatorias Game Of Bike (8 riders)
o sábado 18 de abril de 11:30h a 15:00h