A Caniza acolle a primeira parada das Iberdrola Skate Series 2026
O Concello da Caniza informa da celebración da 1ª parada de Street das Iberdrola Skate Series 2026, que terá lugar os días 29, 30 e 31 de maio no skatepark municipal, convertendo novamente á vila nun dos grandes referentes do skateboarding nacional.
O alcalde Luis Piña anunciou a celebración desta importante competición nacional, que será presentada e inaugurada este venres 29 de maio e que se desenvolverá ata o domingo 31 no skatepark municipal.
O evento está organizado pola Real Federación Española de Patinaxe (RFEP), dentro da Liga Nacional de Skateboarding Iberdrola Skate Series, coa colaboración do Concello da Caniza e o apoio das entidades patrocinadoras do circuíto nacional.
A Caniza volverá situarse no mapa do skateboarding nacional coa celebración desta primeira proba do circuíto estatal, que reunirá durante toda a fin de semana a riders procedentes de distintos puntos de España no inicio da loita polo título nacional da tempada 2026.
A cita contará ademais cun atractivo especial para o público galego coa presenza de Luis Cabarcos, un dos principais referentes do skate en Galicia. O rider, actualmente situado no posto 93 do ranking mundial, chega á competición tras asinar unha destacada actuación no Campionato de España do pasado ano, no que conseguiu subir ao podio cunha terceira posición.
A participación de Cabarcos supón unha oportunidade única para que os afeccionados poidan ver de preto a un dos grandes nomes do skate español con proxección internacional, reforzando tamén a conexión entre o evento e o talento galego emerxente.
Durante tres días, o skatepark da Caniza converterase nun punto de encontro entre a elite deste deporte e as novas promesas, consolidando o crecemento do skateboarding na nosa comunidade e reforzando o papel de A Caniza como sede destacada dentro do circuíto nacional.
Tras esta primeira parada, o circuíto trasladarase ao Circuit de Barcelona - Catalunya, onde se celebrará a gran final no mes de xullo.
A entrada será gratuíta durante toda a fin de semana, nunha aposta por achegar o skateboarding ao público e facilitar o acceso a un evento deportivo de primeiro nivel. Ademais, a competición repartirá 10.000 euros en premios nas categorías absolutas, así como premios en material para as categorías junior.
Desde o Concello convidamos a veciños, visitantes e afeccionados ao deporte urbano a desfrutar desta gran cita deportiva, que volverá converter ao noso municipio nun referente nacional do skateboarding.
Os días 29, 30 e 31 de maio de 2026
https://youtube.com/shorts/5KDXiVn3G-U?si=JDhCfNrBck9LPZOD
🏠 Luis Cabarcos vuelve a casa para abrir la temporada 2026 de las Iberdrola Skate Series
El rider gallego nos presenta la primera parada de Street del año, el Skatepark de A Caniza
- 🗣️ 📍 Skatepark A Caniza, Pontevedra
- 📆 29–31 mayo
- 🎟 Entrada libre durante todo el fin de semana