Achas

San Sebastian de Achas

Dista do municipio 0'6 km e conta cunha poboación que supera os 900 habitantes. Rega o seu término o río Deva e o seu afluente o arroio de Fonte de Achas.

Conta a historia popular que este lugar foi cabeza de Marquesado e que nas súas terras dominaba o Castelo de San Martín de Ladróns.  Este debe o seu nome ao feito de estar situado entre montañas desertas e camiños solitarios e desamparados, lugares propicios para o asento de salteadores e ladróns.

No litúrxico, Achas é punto de saída cara ao Santuario da Franqueira na celebración da Romaría das Pascuillas. Coa Virxe do Rosario e con San Sebastián, o seu patrón, presidindo a ofrenda, fan o camiño acompañados de multitude de devotos de Achas e da Cañiza.

No lugar das Grades atópanse restos dun poboado castrexo coñecido como A Cidade, o cal está a piques de ser recuperado. Trátase dunha enorme citania na que aínda hoxe se poden apreciar restos de casarellas, distinguíndose pola súa planta circular.

Conta cunha asociación cultural chamada Aires de Fontefría e cunha Comunidade de Montes Vecinales en Man Común. No Centro Cultural de Achas, situado no recinto de Cotosobreiro, ambas asociacións desenvolven as súas actividades e celebran as súas reunións.

No histórico Achas e máis concretamente a súa ponte románica foi un dos emprazamentos onde tivo lugar unha das máis importantes sublevacións do Paradanta contra as tropas invasoras francesas durante a Guerra da Independencia. «...Foi o Xeneral - Abade do Couto e de Villar, Don Mauricio Troncoso de Lira e Sotomayor Saco e Quiroga, caudillo do levantamiento popular, quen promoveu esta sublevación do Paradanta no inverno de 1.809. Forxou unha estrutura militar capaz de enfrontarse ao Mariscal francés Soult na liña entre o Ribadil e Deva en accións que tiveron unha grande transcendencia no desenvolvemento posterior da Guerra contra os franceses.

Os paisanos da parroquia de Achas non só loitaron contra os franceses no partido da Cañiza , senón que tamén tomaron parte no cerco de Tui.

En Achas recibiron o Bautismo de lume os guerrilleiros do Ribeiro, combatendo contra as tropas francesas da división Ehendelet e da terceira Delaborde, e na súa memorable ponte de Achas quedaron mortos 8 oficiais, un inspector e un comisario aos que se lles atoparon papeis importantes que foron remitidos urxentemente ao Marqués da Romana...»

No libro Historia Civil e Eclesiástica da Cidade de Tuy e o seu Obispado (1852. Francisco Avila e a Cueva) recóllese a seguinte descrición da parroquia por aquel entón.

«...Esta parroquia compoñía antiguamente unha porción da confinante de Parada. E por acharse a longa distancia da Igrexa daquela conseguiron os seus veciños no século XVI se erigiese en anexo dela, levantando ao efecto nas Achas templo baixo a advocación de San Sebastián.

Nos libros de visitas antigas que fixeron os señores Bispos e os seus visitadores do Obispado áchase mención das Achas como tal anexo pois resulta deles que en 19 de outubro de 1560 visitouse San Sebastián das Achas e di o Auto da visita que era ermida encabezada á Igrexa de Santiago de Parada.

Máis adiante en 19 de maio de 1577 foi visitada esta última e asegúrase na visita que a citada parroquia tiña un anejo e ermida simple que era San Sebastián das Achas. No mesmo ano a 25 de xuño volveu ser visitada as Achas e repítese aquí era anejo de Parada e finalmente noutra visita bota naquela en 22 de febreiro de 1588 exprésase que as Achas era ermida morta aneja a Parada. Isto resulta dos indicados libros e por outros documentos sabemos seguía de anejo nos anos de 1597 e 1613.

No ano 1852 Achas está enteiramente desmembrada da matriz aínda que ignoramos por agora dende cando. Goza do título de Vila. Recoñece por Patrono Tutelar a San Sebastián Mártir, cuxa festa fanlle no seu día propio 20 de xaneiro. Antiguamente os seus habitantes correspondían a distintas xustizas, a saber, os que residían no lugar de Randufe tocaban polo contencioso á de Covelo, polo político e gobernativo á da Cañiza e para contribucións e quintas de soldados á de Puenteareas. Os que viven nos lugares de Sobradelo, Deva de Abaixo, Outeyro, Porto do Lombo, e Cota de Galos están suxeitos polo contencioso á xustiza de Petán e polo demais á da Cañiza e os veciños do restante da parroquia pertencen en todos casos á xustiza últimamente nomeada. É as Achas cabeza de Marquesado, aínda que ignoramos desde cando. Tamén o foi antes de jurisdicción e partido civil ata de moi poucos anos a esta parte que se trasladou a Xustiza á inmediata Vila da Cañiza. Estivo aquí o Castelo de San Martín de Ladróns...»

Parroquias