50 FEIRA DO XAMÓN DE A CAÑIZA. 15 de agosto

50 ANOS FEIRA DO XAMÓN

A Cañiza celebrou o 15 de agosto de 2016 a 50 edición da súa feira máis coñecida: A Festa - Feira do Xamón. 

A xornada gastronómica comezou a partires das 11,00 da mañá coa saída da Comitiva do xamón desde as portas da Casa Consistorial de A Cañiza. O desfile estivo presidido polos típicos carros do país guiados por bois, seguidos de mozos ataviados con traxes rexionais, quen, á súa vez, portan algunhas das bandexas de xamón. Todos eles acompañados por un grupo folclórico e polos centenarios cabezudos da Vila dos que xa existía constancia no ano 1902. A comitiva desfila polas rúas de A Cañiza ata chegar á Carballeira do Cacharado , onde, desde as 11 da mañá, pódense adquirir, nunha palloza cuberta de colmo, os tikes que dan dereito á degustación das diferentes tapas de xamón postas á venda.   A Feira do Xamón de A Cañiza tamén foi declarada pola Xunta de Galicia como Festa de Interese Turístico da nosa Comunidade Autónoma.

Consulta neste enlace toda a programación e información de interese

BENVIDA DO ALCALDE DE A CAÑIZA

A Festa - Feira do Xamón de A Cañiza cumpre 50 anos. Unha longa traxectoria percorrida por un extraordinario grupo de homes e mulleres desta terra que puxeron a súa ilusión e empeño en ofrecer e dar a coñecer a turistas e visitantes o mellor de A Cañiza no sector gastronómico: o noso xamón. E a súa perseveranza foi tal que hoxe os cañicenses temos o pracer de celebrar o seu 50 Aniversario. Toda unha honra que queremos compartir convosco, cos amigos e veciños, turistas e visitantes, emigrantes e estranxeiros sen cuxo apoio e participación non sería posible cumprir as nosas Vodas de Ouro.

A todos benvidos. E benvidos tamén aos novos amigos que desexen visitar A Cañiza e a nosa festa por primeira vez. Espero, en nome de todos os cañicenses, que vos levedes o mellor recordo desta Vila coñecida como “a Terra do bo xamón en Galicia”. Estou seguro de que os nosos hostaleiros e restauradores saberán atendervos con esmero e profesionalidade e que poñerán todo o seu empeño niso,  do mesmo xeito que nós, desde o Concello, principal organizador das festas, poremos toda a nosa ilusión e traballo en conseguir organizar a mellor das edicións.

Para conmemorar esta efeméride preparamos unha completa programación baixo o lema “Semana Grande das Festas do Xamón”, do 8 ao 15 de agosto, deseñada para satisfacer todos os gustos e dirixida a todos os públicos. Música, cursos de corte de xamón e cata de viños, espectáculos infantís, conferencias en torno ao xamón, exposicións, concursos literarios e de poesía forman parte desta selecta programación que poderás consultar ao longo destas páxinas.

Os actos oficiais forman parte tamén desta semana Grande que comezará coa inauguración e presentación oficial dos festexos da man do Directora Turismo de Galicia da Xunta de Galicia, Dona Nava Castro. A entrega de galardóns e recoñecemento aos fundadores e principais organizadores das festas e o acto de homenaxe á propia festa co descubrimento dunha escultura alegórica realizada polo magnífico pintor e escultor cañicense Diego de Giráldez son quizais os actos oficiais máis importantes deste 50 Aniversario. Todo iso culminará o propio 15 de agosto coa celebración da prestixiosa Festa-Feira do Xamón de A Cañiza no centenario emprazamento da Carballeira do Cacharado.

Coa organización desta programación e actos oficiais esperamos estar á altura deste gran acontecemento.

O noso obxectivo para este 50 aniversario non é outro que ofrecer a mellor das festas e traballar para que todos os que nos visiten nestes días nos recorden con agarimo e volvan á Cañiza. Este é o noso reto. Se o conseguimos todo o esforzo e dedicación pagará a pena.

Un gran saúdo e benvidos de novo

Festa popular