Onte saíron cara a Valencia todas as donacións da nosa veciñanza, canalizadas a través do Club Balonmán Cañiza e do Concello.

O camión, que ten orde de entregar o material en Valencia hoxe, sobre as 16:00h, tamén transporta as achegas do Concello de Melón.

Así o declarou o Alcalde Luis Piña esta mañá, quen durante todo este tempo estivo en contacto coa Federación Valenciana de Municipios e Provincias, entidade encargada de canalizar este tipo de cooperación, para a súa entrega ás persoas afectadas pola Dana sufrida o pasado 29 de outubro na Comunidade Valenciana.

Como xa comunicara o Alcalde o pasado 5 de novembro, a Federación Valenciana, en coordinación cos responsables da distribución das axudas materiais, indicaron a todos os Concellos que se agardara ao aviso de envío das doazóns, para optimizar a loxística e almacenamento dos produtos.

Durante estas tres semanas todas as doazóns dos nosos veciños e veciñas, conseguidas a través do CB Cañiza coa colaboración do Concello, estiveron depositadas e custodiadas en instalacións municipais ata o día de onte, 25 de novembro, en que se fletou un camión entre o Concello da Cañiza e de Melón para o envío conxunto de todas as axudas. Un total de 14 palets de material ( 10 procedentes das doazóns dos veciños da Cañiza e 4 palets aportados polo Concello de Melón)

O camión partiu cara a Valencia ás 16:30h baixo a supervisión da directiva do Clube de Balonmán Cañiza e do Alcalde da Cañiza e de Melón. A hora sinalada polas autoridades valencianas para a achega das doazóns é sobre as 4 da tarde deste martes 26 de novembro.

O Alcalde tamén manifestou que o coste do transporte será asumido polo noso Concello.

Neste comunicado tamén queremos transmitir á cidadanía o agradecemento da FVMP e da Generalitat Valenciana pola colaboración desinteresada para doar e enviar produtos e alimentos a todas as persoas afectadas pola Dana sufrida na Comunidade de Valencia.

Tamén dende o Concello, o Alcalde agradece especialmente ao Club Balonmán Cañiza por implicarse na organización da recollida de alimentos e produtos. Un agradecemento extensivo a todos os cañicenses.

 Moitas grazas pola vosa solidariedade!!

 

Onte saíron cara a Valencia todas as donacións da nosa veciñanza, canalizadas a través do Club Balonmán Cañiza e do Concello.

 

Onte saíron cara a Valencia todas as donacións da nosa veciñanza, canalizadas a través do Club Balonmán Cañiza e do Concello.