O Alcalde Luis Piña representa Á Cañiza no II Encontro Transfronteirizo da Via Mariana Luso Galaica de Peregrinación entre Braga e Muxía

NUN ACTO CELEBRADO ESTE 30 DE MARZO EN MELGAÇO, NO BALNEARIO TERMAL DE PESO (PADERNE)

Un encontro no que participaron unha veintena de Alcaldes galegos e Presidentes de Cámaras Municipais portuguesas xunto cos ideólogos e autores intelectuais da Ruta, De la Riera e José Luis Martínez “do Freixo”. Acompañados tamén por representantes dos Gobernos das Deputacións de Pontevedra e da Coruña, un representante da Ruta Xacobea de Turismo da Xunta de Galicia, a Presidenta da Asociación Vía Mariana María José Silva e o secretario Miguel Anxo Antón. Todos eles presentes cun obxectivo común: impulsar e promover esta Vía de peregrinación que une Braga con Muxía, en 17 etapas, pasando polos santuarios marianos de 29 concellos galegos e cámaras portuguesas.  

Un proxecto realmente especial pola vinculación existente co País irmán portugués.

Nesta II xuntanza acordouse a promoción e divulgación da Vía con todos os seus valores en todas as instancias posibles nacionais e internacionais. O compromiso de axuda e favorecemento da acollida ao peregrino en tránsito, tanto se trate de instalacións municipais, parroquiais, veciñais ou privadas. Respetar e facer respetar o patrimonio material e natural vinculado ao itinerario. Axudar e colaborar no mantemento físico e a sinalización da ruta para o tránsito libre e seguro das persoas.

O Alcalde da Cañiza, Luis Piña, xa presidira o pasado 6 de marzo de 2020, na Casa Consistorial da Cañiza, o 1º Encontro Transfronteirizo da Vía Mariana.

Video file

Vía Mariana Luso Galaica de peregrinación

A Vía Mariana ten o seu Km 0 en Braga (Portugal) no Santuario do Sameiro, atravesa 5 cámaras portuguesas e entra en Galicia por Arbo ata chegar a Muxía recuperando do esquecemento estradas extraordinarias para xuntar santuarios. Goaes, Soajo, A Peneda, Melgaço, así ata chegar ao noso Santuario da Franqueira. Dende aquí a vía segue en Santiago de Covelo, Santa María de Estacas, Santa María de Augasantas, Santa María de Sacos, Os Milagres de Amil, Valga, Iria Flavia, Santiago de Compostela, Negueira, Baiñas e Muxía, onde conclúe.

Cun percorrido de 382 km, programado en 17 etapas, ten como principal obxectivo “crear sinerxias para favorecer as zonas rurais máis deprimidas coñecidas como deserto verde, fixar poboación, mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e ponderar a nosa riqueza paisaxística e patrimonial. Esta vía tamén está concebida como un punto de encontro espiritual”.

Na actualidade conta con 70 promotores entre institucións públicas e privadas, asociacións, comunidades de montes e particulares.