Felicitamos á nosa Coral Polifónica polo seu 30 Aniversario. 1994 & 2024.

Este sábado a Coral da Cañiza celebrou o seu Concerto de Verán, nunha Gala especial coa que quixo celebrar os seus 30 anos de traxectoria musical.

Nesta ocasión acompañada das corais Agrupación Musical de Vincios e Coral "La Enseñanza" de Valladolid co Auditorio da Cañiza como escenario principal.

Un escenario que viu nacer a esta agrupación e na que ensaian todas as semanas os homes e mulleres que actualmente integran esta formación musical, fundada no ano 1994 pola Concellería de Cultura do Concello da Cañiza.

Unha agrupación que naceu como unha Coral privada, independente, sen ánimo de lucro e cun obxectivo único: a divulgación e a difusión do canto coral e da cultura musical.

Traballadores, responsables e cunha grande cultura musical. Así os definiu o Alcalde da Cañiza na súa intervención, despois de finalizar a Gala deste sábado 10 de agosto.

Momento no que Luis Piña lles fixo entrega dun agasallo e placa conmemorativa de parte do Concello en gratitude por estes 30 anos de canto coral e sobre todo de compromiso co bo nome da Cañiza.

O Alcalde felicitou a todos os compoñentes da Coral. Unha felicitación extensiva a todos os homes e mulleres que durante estas 3 décadas fixeron parte desta familia musical.

E por suposto agradeceu e felicitou ao seu director  Jorge Fernández González así como a todos os músicos e directores que formaron musicalmente á nosa Coral.

Noraboa a todos e grazas por estes 30 anos!