Esta mañá o Pleno aprobou o convenio coa Comunidade de Montes de Xunqueiras- Couto para a cesión dun terreo que permitirá a instalación dunha antena de telefonía móvil de cara a mellorar a cobertura na parroquia

Na Sesión de hoxe, celebrada ás 9.00h, o Pleno do Concello aprobou por unanimidade o texto do convenio de colaboración coa Comunidade de Montes de Xunqueiras - Couto, para a cesión de uso de 81 m2 de terreo, así como os permisos de acceso aos mesmos, nunha parcela próxima ao campo de fútbol do Couto, co fin de albergar as insfraestruturas e equipamento necesario para mellorar a cobertura das comunicacións móviles na parroquia do Couto, unha das máis deficitarias de todo o noso Concello.

Esta colaboración iniciouse o pasado 17 de novembro de 2022, data na que a Alcaldía  informa á Comunidade de Montes de Xunqueiras da posibilidade de mellorar as comunicacións móviles na parroquia. Unha actuación que tiña que contar coa colaboración da CMVMC, aprobando a cesión dunha pequena parcela de terreo comunal a favor do Concello para a instalación da antena.   

Esta posibilidade de mellora parte inicialmente da adhesión do Concello ao Convenio de colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a posta en marcha de actuacións encamiñadas a MELLORAR A COBERTURA DE COMUNICACIÓNS MÓBILES NO RURAL DE GALICIA.

O Concello adheriuse a este Convenio en 2020, ao existir no noso municipio numerosas zonas sen cobertura móbil. Despois de varios estudos e verificacións técnicas, Amtega inclúe nas súas actuacións as parroquias do Couto e de Luneda por estar catalogadas como zonas con altas deficiencias de cobertura.

No listado publicado por Amtega aparecen 64 municipios de toda Galicia con zonas identificadas como “Zona_con_deficiencia”, elexidas todas elas beneficiarias deste proxecto para a mellora de cobertura móbil. Na provincia de Pontevedra solo se actuará en 6 municipios, entre eles A Cañiza nas parroquias do Couto e de Luneda.

Con todo, para que por parte de AMTEGA e a FEGAMP se poidan executar estas obras o Concello debe cumprir unha serie de condicións. A máis importante é a “dispoñibilidade das parcelas adecuadas para a execución”. Condición que queda resolta coa cesión dos 81m2 de terreo por parte da Comunidade de Montes de Xunqueiras.

 

A COMUNIDADE DE MONTES DE LUNEDA TAMÉN ASINOU O PASADO MES DE MARZO A CESIÓN DOS TERREOS EN FAVOR DO CONCELLO

Este mesmo texto (de cesión, asinado no Pleno celebrado hoxe) foi ratificado polo Pleno o pasado 17 de marzo no que se aprobou a sinatura dun Convenio entre o Concello da Cañiza e a Comunidade de montes veciñais en man común de Luneda para a cesión de uso dunha fracción de terreo de 81 metros cuadrados, así como o permiso de acceso a ela, situada no lugar denominado “Monte do Vieiro”, co fin de albergar as antenas e equipamento necesarios para mellorar a cobertura de comunicacións móviles en Luneda.

Grazas a esta cesión o Concello puido asinar o 24 de marzo, coa promotora destas melloras, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a posta en marcha destas actuacións que estarán implementadas antes de finalizar 2023.

 

NO PLENO TAMÉN SE ACORDOU APROBAR UN CONVENIO ENTRE ADMINISTRACIÓNS QUE PERMITIRÁ AOS CONCELLOS DA CAÑIZA E MELÓN SOLICITAR AXUDAS ENERXÉTICAS.

Ademáis deste acordo, no pleno desta mañá aprobouse un convenio interadministrativo de colaboración entre os Concellos da Cañiza e de Melón, para constituir e regular unha agrupación de entidades que permita, ás dúas administracións, solicitar conxuntamente as subvencións para a planificación enerxética de entidades locais. Axudas publicadas pola Axencia Instituto Enerxético de Galicia da Xunta no DOGA nº 52 do 15.03.2023.  Acordo este último aprobado por maioría.