Como cada segundo domingo do mes de xullo desde hai máis de dous séculos, A Caniza celebrou a festividade do Santísimo Cristo da Agonía, unha das tradicións relixiosas e culturais máis representativas da vila, que congregou a centos de persoas arredor dunha celebración marcada pola devoción, a solemnidade e a participación.
O Concello da Caniza publica un reportaxe fotográfico da xornada e pon á disposición da cidadanía a gravación íntegra da procesión, retransmitida en directo a través das súas canles oficiais.
Este 12 de xullo, centos de veciños, devotos e visitantes participaron na Misa Solemne celebrada na Igrexa Parroquial de Santa Teresa, que comezou ás 11:30h e nos actos procesionais polas rúas da vila, acompañando as imaxes do Santísimo Cristo da Agonía e da Virxe dos Dolores nun ambiente de solemnidade e respecto.
O Alcalde Luis Piña agradeceu o traballo e a dedicación da Parroquia de Santa Teresa, da Comisión do Cristo, da Asociación Cultural Santo Cristo da Caniza, da Coral Polifónica Santa Teresa e da Banda da Brilat Galicia VII, así como de todas as persoas voluntarias, entidades colaboradoras, comerciantes, hostaleiros e veciños que, coa súa implicación, contribúen a conservar e fortalecer unha tradición con máis de dous séculos de historia.
Tamén agradeceu a colaboración dos voluntarios que, dende primeiras horas da mañá, se dedicaron á elaboración da alfombra floral que luciu no cruceiro do Santísimo Cristo, no Cacharado.
No marco da colaboración coa celebración, o Concello da Caniza destinou este ano máis de 12.000 euros ao apoio loxístico e organizativo da procesión. Este investimento permitiu asumir a comida da Banda de Música da BRILAT e comitiva (1.188 €), o seu transporte desde o acuartelamento ata A Caniza e regreso (605 €), o refrixerio ofrecido aos costaleiros e aos membros da Cofradía (2.080 €), a retransmisión en streaming de toda a procesión (3.424,30 €), a cartelería, a instalación dunha nova lona na torre do campanario e as novas bandeiras (765,93 €), o valado perimetral do percorrido procesional (1.824,68 €) e os gastos de persoal municipal destinados aos servizos de limpeza, Policía Local, organización e apoio loxístico (2.000 €), entre outros gastos.
Por segundo ano consecutivo e co obxectivo de achegar esta celebración a todas as persoas que non puideron asistir, o Concello retransmitiu en directo toda a procesión a través da súa canle oficial de YouTube. A gravación íntegra permanece dispoñible nesta plataforma e tamén pode consultarse a través das redes sociais municipais.
Xunto con esta nota publícase un amplo reportaxe fotográfico que recolle algúns dos momentos máis significativos da xornada e que amosa a emoción e a participación que, como cada segundo domingo do mes de xullo, converten a festividade do Santísimo Cristo da Agonía nun dos principais sinais de identidade do patrimonio relixioso, histórico e cultural da Caniza.
Noraboa a todos os que fixeron posible esta celebración!.
Galería multimedia