Programación cultural e deportiva do «VERÁN DE LECER» 2024

Data
to
Location
Concello da Cañiza
Organiser
Concello da Cañiza
Actividades

Verán de Lecer 2024: Contidos

Planificamos un completo calendario de actividades e campionatos no que teñen cabida o Pump Track que celebrará o II Gran Premio da Cañiza este 15 de xuño. Unha disciplina recentemente estreada no noso Municipio tras a apertura das pistas de Skatepart e pum-track da rúa Silleda. Súmanse tamén andainas, Paintball, exhibicións das escolas de patinaxe da Cañiza e de Valeixe, torneos de fútbol e de balonmán, exhibición de Taekwondo, rutas en bicicleta, máis aeromodelismo, xuntanzas moteiras e ciclismo BTT.

Como evento deportivo de carácter nacional o Alcalde anunciou que este ano o día 27 de agosto pasará pola Cañiza a VOLTA CICLISTA A ESPAÑA, con festa na Praza Maior e agasallos para os asistentes ás 12h da mañá.

Tamén contamos co campamento urbano do Concello que se desenvolverá durante o mes de xullo, o XI Campus Deportivo do CF Cañiza e o IX Campus Deportivo do Balonmán Cañiza.

Estes eventos deportivos combinaranse co concerto dos alumnos da Escola de Música e concertos de música clásica, cinema ao aire libre, karaokes, exposicións de pintura e escultura, correbares e festivais folclóricos, festas infantís, inchables, actuacións musicais, batallas de RAP (pelexa de Galos), noites de humor, maxia, circo aéreo e teatro para todos os públicos. Sen esquecer a Procesión do Santísimo Cristo da Agonía da Cañiza o 2º domingo de xullo e a Sardiñada popular do 18 de agosto na Carballeira do Cacharado.

 

Máis de 70 eventos enchen o Programa de 2024

Máis de 70 eventos que encherán días e noites ata alcanzar o seu momento álxido coa celebración da 58 Feira do Xamón que A Cañiza celebra o 15 de agosto. Ese xoves temos unha nova cita na centenaria Carballeira do Cacharado para volver a disfrutar da nosa Festa máis coñecida e do Concurso Nacional de cortadores de xamón. Para esta ocasión confeccionamos un programa de festas á altura deste evento no que se fusiona todo tipo de música e espectáculos para todos os públicos, e no que tamén destaca a celebración do obradoiro do bocata de xamón xigante o martes 13 de agosto e a Máster Class de corte de xamón e cata de viños o mércores 14 de agosto.

Pero tamén neste Verán de Lecer quixemos incluír eventos importantes para o noso Municipio que, ainda que non os organiza o Concello, si que consideramos que debemos promocionar pola súa repercusión e tamén polo esforzo dos homes e mulleres organizadores que durante todo o ano traballan para ofrecer o mellor de cada club e asociación.

Este é o caso do entroido de verán organizado polo Balonmán Cañiza, da Festa do Cristo da Agonía, da Celebración do Curro do Pedroso, das exhibicións dos equipos de Patinaxe de Valeixe e da Cañiza, dos Campus deportivos do CF Cañiza e do balonmán e como novidade este ano a organización por parte da Comisión de Festas de Oroso dun campionato de Fútbol baixo o lema “Pachanga na Rúa” que está inspirado no xogo da Play Station “Fifa Street”.

A todos, grazas polo voso compromiso e dedicación!.

Xa para rematar e en nome de todas as persoas e entidades que organizamos este verán de Lecer, só nos queda convidarvos a compartir con nós esta programación.

FELIZ VERÁN !.