PROGRAMA DO ENTROIDO 2026. Concurso de comparsas e enterro do «Rexoubón»

Data
to
Location
Carballeira do Cacharado, Rúa Antonio Facorro e aparcamento do Regueiro
Organiser
Concello da Cañiza
Actividades

O Concello anuncia o Programa do Entroido 2026 co Concurso de Comparsas, a Festa Infantil e a celebración da 1ª Edición do Enterro do «REXOUBÓN»

Horario

Os días 15, 16 e 21 de febreiro de 2026

CONCURSO DE COMPARSAS: Domingo, 15 de febreiro de 2026

Os participantes desfilarán polas principais rúas da Cañiza acompañadas pola charanga viguesa de Vincios Vai de Baile, ata chegar á rúa Antonio Facorro, onde se realizarán as exhibicións e terá lugar o concurso.

O Alcalde Luis Piña lembrou que o prazo de presentación de solicitudes para participar remata o venres 13 de febreiro, ás 13h e que as persoas interesadas poden cubrir o boletín de inscrición nas oficinas da biblioteca municipal.

O concurso contará con dúas categorías: infantil, ata os 14 anos incluídos  e adultos, a partir dos 15 anos. De acordo coas bases, considérase comparsa infantil aquela na que, como mínimo, o 60 % dos seus integrantes sexan nenos e nenas.

Para cada unha das categorías establécense os seguintes premios:

  • 1º premio: 500 €,
  • 2º premio: 300 €
  • 3º premio: 200 € 
  • 4º premio: 150 €.  
  • Ademais, o 1º premio estará dotado con 100 € adicionais destinados á axuda para a confección do boneco do «Rexoubón».

Todos os participantes terán dereito a unha axuda de 10 €, sempre que completen o desfile, establecéndose un máximo de 400 € por comparsa.

As comparsas serán valoradas atendendo aos criterios de graza do desfile, creatividade e orixinalidade dos disfraces, forza expresiva da comparsa e humor na defensa do disfraz.

O desfile do Concurso de Comparsas celebrarase o domingo 15 de febreiro de 2026. No caso de inclemencias meteorolóxicas, trasladarase ao seguinte domingo con bo tempo, establecéndose como data límite o domingo 22 de marzo. Se nesa data non se puidese celebrar, o concurso quedaría definitivamente suspendido.

FESTA INFANTIL. Luns, 16 de febreiro, a partir das 17h na Casa de Cultura da Cañiza.

Unha tarde especialmente adicada aos máis pequenos, con música, disfraces e merenda.

ENTERRO DO «REXOUBÓN». Sábado, 21 de febreiro de 2026.

Como principal novidade do Entroido 2026, o Concello da Cañiza pon en marcha a 1ª edición do «Enterro do Rexoubón», unha proposta innovadora que nace coa vontade de crear unha actividade festiva e participativa.

O termo «Rexoubón» emprégase de maneira simbólica para representar o personaxe do imaxinario popular marmurador, cotilla, trouleiro e mal mete, que encarna todo aquilo do que o Entroido se despide antes da Coresma. A súa figura servirá como fío condutor dun enterro de parodia.

O Enterro do «Rexoubón» celebrarase o sábado seguinte ao Concurso de Comparsas, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. No caso de non poder realizarse por esta causa, adiarase ao seguinte sábado con bo tempo, establecéndose como data límite o sábado 28 de marzo. Se nesa data non fose posible a súa celebración, o enterro quedaría definitivamente suspendido.

A comitiva fúnebre partirá ás 19.30 horas desde a Carballeira do Cacharado, percorrendo as rúas da Cañiza ata o aparcadoiro do Regueiro, onde terá lugar a cerimonia de incineración do «Rexoubón», poñendo fin á festa. Todos os participantes no Enterro deberán vestir de rigoroso loito.

A inscrición no Desfile-Concurso de Comparsas implica a aceptación da obriga de asistir e participar no Enterro do Rexoubón cun mínimo do 50 % das persoas inscritas en cada comparsa.

Así mesmo, a comparsa clasificada en 1º lugar na categoría de adultos será a encargada da elaboración do boneco do «Rexoubón» e tamén de actuar como portadora do féretro durante a comitiva fúnebre.

 

Itinerario do desfile de comparsas do concurso do 15 de febreiro