O Concello da Cañiza pon en marcha o III curso de Capacitación Dixital, unha acción formativa dirixida a persoas de entre 18 e 65 anos, que nesta nova edición incorpora contidos diferentes e complementarios aos abordados nos cursos anteriores, dando continuidade ao programa municipal de formación dixital.
Este curso, organizado polo Concello da Cañiza e impartido pola empresa ARA Formación, desenvolverase do 28 de xaneiro ao 5 de febreiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas, no Edificio Multiusos da Cañiza.
A formación está orientada a reforzar a autonomía dixital da cidadanía e aborda novos contidos de carácter práctico, centrados en:
- A xestión eficaz dos dispositivos dixitais.
- O uso da banca en liña, do comercio electrónico e da administración pública dixital.
- A mellora da empregabilidade a través de ferramentas e competencias dixitais.
- A seguridade e o benestar dixital, con especial atención ao acompañamento de menores e á ciberseguridade familiar.
Con esta terceira edición, o Concello reafirma o seu compromiso coa inclusión dixital, coa mellora da empregabilidade e co benestar tecnolóxico da poboación, apostando por unha oferta formativa continua e adaptada ás necesidades actuais da veciñanza.
As persoas interesadas poden solicitar máis información e inscribirse a través do teléfono 645 44 09 59.
Do 28 de xaneiro ao 5 de febreiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas