Quedan suspendidas as autorizacións para o Uso de fogos de artificio e pirotécnias na celebración de festas debido ao risco de incendio actual

Medio Ambiente

NOTA INFORMATIVA DA DIRECCIÓN XERAL DE DEFENSA DO MONTE. 14 de xullo de 2022.

O índice de risco diario de incendio forestal (IRDI) é a expresión numérica que traduce o estado da biomasa forestal e da metereoloxía nun momento dado, de modo que se poidan prever as condicións de inicio e propagación dun incendio.

o IRDI establece para cada unha das épocas de perigo, o risco diario de ocorrencia de incendio forestal, cuxos niveis son baixo (1), moderado (2), alto (3), moi alto (4) e extremo (5).

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais establece no seu artigo 37, punto 1.

1. En todos os terreos forestais e zonas de influencia forestal, durante a época de perigo alto, os artefactos que leven aparellado o uso de lume, así como a utilización de fogos de artificio, o lanzamento de globos e doutros artefactos pirotécnicos, que en todos os casos estean relacionados coa celebración de festas locais ou de arraigada tradición cultural, están suxeitos á autorización previa do respectivo Concello, que incluirá medidas específicas de seguridade e prevención axeitadas. O Concello comunicará ás autorizacións ao Distrito Forestal correspondente ao seu ámbito territorial con 48 horas de antelación como mínimo.

No caso de que índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo, o concello NON PODERÁ AUTORIZAR a utilización de artefactos que leven aparellado o uso de lume, fogos de artificio, globos e artefactos pirotécnicos. Nos casos de que o índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo o día da celebración, entenderanse revogadas as autorizacións emitidas con anterioridade.

Os lanzamentos de fogo de artificio ou artefactos pirotécnicos nos terreos forestais e nas zonas de influencia forestal só poderán ser realizados por persoal autorizado das empresas que figuren no rexistro sectorial desta actividade. Os fogos de artificio e artefactos pirotécnicos deberán empregar materiais ignífugos ou ben ignifugados.

A autorización outorgada non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos e perdas a que houber lugar no caso de que concorra neglixencia ou imprudencia.

 

Ante a previsión dun IRDI moi alto ou extremo para os próximos días, é preciso recordar o establecido na devandita LEI no relativo á xestión das autorizacións de uso de foguetes e outros artefactos pirotécnicos nas datas vindeiras, de xeito que se consulte diariamente o IRDI e n o caso de índice extremo:

- Non conceder novas autorizacións.

- Entender por revogadas as autorizacións concedidas.

 

SUBDIRECCIÓN XERAL DE PREVENCIÓN

DIRECCION XERAL DE DEFENSA DO MONTE

CONSELLERIA DO MEDIO RURAL

 

San Lázaro, s/n

15781 Santiago de Compostela

Tel: 881 997 337

prevencion.medio-rural@xunta.gal

mediorural.xunta.gal