Prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo

Educación
ORIENTACION LABORAL

 

 

Publicación: DOG 06/06/2022

Sede electrónica (sede.xunta.gal): Procedemento ED306A

Prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo, para o alumnado que no curso académico 2022/23 inicie ou continúe estudos postobrigatorios non universitarios en centros docentes públicos ou privados concertados situados na Coruña, Culleredo, Ourense e Vigo.

INSCRICIONS:

  • Alumnado matriculado en bacharelato: 7 de xuño - 11 de xullo de 2022.
  • Alumnado matriculado en ciclos formativos: 7 de xuño - 1 de agosto de 2022.
  • Período extraordinario: Cando existan prazas vacantes, o centro residencial abrirá un prazo de presentación de solicitudes en período extraordinario entre o 6 e o 14 de setembro de 2022, ambos incluídos.

REQUISITOS:

  • Persoas matriculadas en estudos postobrigatorios non universitarios nalgún dos centros docentes publicos ou privados concertados da Coruña, Culleredo, Ourense ou Vigo.
  • Non repetir curso; e no caso de cambio de estudos, non ter abandonado dúas veces estudos iniciados para matricularse noutros estudos distintos. Excepcionalmente, por causas debidamente xustificadas, a Comisión de Valoración poderá eximir de forma motivada do cumprimento destes requisitos, á vista da proposta que efectúe o centro residencial e do informe da inspección educativa.
  • A persoa solicitante deberá estar matriculada nunha concreta modalidade dun nivel educativo ou nunha familia profesional ou especialidade dun ciclo formativo, que:
    • Non se imparta en ningún centro sostido con fondos públicos da localidade galega de residencia habitual da unidade familiar a que pertenza.
    • E tampouco se imparta nunha localidade que, pola súa proximidade á de residencia habitual ou polos medios de comunicación dispoñibles, permita o desprazamento diario con facilidade.
  • Excepcionalmente, por circunstancias persoais ou familiares moi graves debidamente xustificadas, a Comisión de Valoración poderá eximir de forma motivada do cumprimento destes requisitos, á vista da proposta que efectúe o centro residencial e dos informes que se consideren oportunos.
  • A renda da unidade familiar que se terá en conta é a do exercicio fiscal 2020 e obterase pola suma das rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza.

 

COSTE:

Adxudicación de praza de residencia gratuíta:

Cando a renda da unidade familiar sexa igual ou inferior ao limiar 2 fixado polo Real decreto 471/2021, do 29 de xuño, do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, polo que se establecen os limiares de renda e patrimonio familiar e as contías das bolsas e axudas ao estudo para o curso 2021/22, e se modifica parcialmente o Real decreto 1721/2007, do 21 de decembro, polo que se establece o réxime das bolsas e axudas ao estudo personalizadas.

Cando se trate de alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

Adxudicación de praza bonificada:

Cando a renda da unidade familiar sexa superior ao limiar 2, a persoa adxudicataria deberá aboar anualmente as seguintes cantidades:

Ata un 10 %: 635 €.

Máis do 10 % e ata un 20 %: 973,74 €.

Máis do 20 % e ata un 30 %: 1.563,10 €.

Máis do 30 %: 2.319,22 €.