ANUNCIO. CONSULTA PÚBLICA. Ordenanza reguladora da instalación de terrazas en espazos de uso público do Concello de A Caniza

Alcaldía

Concello de A Caniza

ANUNCIO CONSULTA PÚBLICA

ORDENANZA REGULADORA DA INSTALACIÓN DE TERRAZAS EN ESPAZOS DE USO PÚBLICO DO CONCELLO DE A CANIZA

De conformidade co previsto no artigo 133.1 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, co obxectivo de mellorar a participación dos cidadáns no procedemento de elaboración de normas, con carácter previo á elaboración do proxecto de ORDENANZA REGULADORA DA INSTALACIÓN DE TERRAZAS EN ESPAZOS DE USO PÚBLICO, solicítase a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectados pola futura norma acerca de:

a) Os problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa:

A iniciativa normativa ten como principal obxectivo a ordenación da ocupación dos terreos de uso público por terrazas, veladores e outras infraestruturas de bares e restaurantes, conxugando os intereses da cidadanía e do sector hostaleiro, logrando que as rúas do municipio sexan un lugar organizado e seguro, sen perturbar a actividade económica.

O alcance xeral da redacción da ordenanza require unha valoración sistemática e xeneral, que permite a elaboración dun texto que responda funcionalmente a todas as necesidades e intereses postos en evidencia nos últimos anos, así como responder as esixencias normativas para a ocupación ordenada do espazo público en adecuadas condicións medioambientais, de seguridade e de convivencia cidadá, polo que é absolutamente necesario emprender a aprobación dunha norma reguladora.

Neste contexto, considérase oportuno e necesario sometela a consulta pública, a fin de coñecer a opinión da cidadanía que puidese verse implicada.

b) A necesidade e oportunidade da súa aprobación:

Co fin de conseguir satisfacer de forma eficaz todas as necesidades que se puxeron en evidencia, e de conxugar os intereses en xogo, do sector da hostalería, o comercio, os veciños, visitantes, e a cidadanía en xeral, é imprescindible acometer a súa aprobación, para o que se instruirá o correspondente procedemento de elaboración, que de forma previa deberá contemplar a consulta pública, que permita avaliar as principais necesidades ou requirimentos da cidadanía, para a súa eventual valoración e incorporación no proceso normativo.

A oportunidade da aprobación resulta acreditada, precisamente porque é necesario elevar o rango dos criterios interpretativos, incorporándoos nun texto normativo. E, por outra banda, porque tanto desde o sector da hostalería como da cidadanía implicada no funcionamento das terrazas, sexa como veciños, clientes ou visitantes, estase demandado unha resposta consistorial ás novas realidades e situacións que o funcionamento das terrazas están a poñer en debate.

Por último, tamén deberán incorporarse na futura ordenanza algúns criterios normativos sectoriais, como é a seguridade viaria, o control contra a contaminación acústica e a accesibilidade no espazo público, que requiren unha urxente regulación.

c) Os obxectivos da norma:

A aprobación da Ordenanza reguladora da utilización privativa ou aproveitamento especial constituído pola ocupación de terreos de uso público con terrazas de hostalería con finalidade lucrativa, que se pretende someter a consulta pública, previa ten a finalidade de responder aos seguintes obxectivos xerais:

  • Regular a utilización do terreiro de chan público de forma que sexa accesible a todos os cidadáns, prevalecendo a utilidade pública e o interese xeral sobre o privado.
  • Servir de instrumento para lograr unha mellora continua na garantía do principio de accesibilidade universal e non discriminación para o acceso e utilización dos espazos públicos, entendida como a condición que deben cumprir as contornas, produtos e servizos para que sexan comprensibles, utilizables e practicables por todas as persoas.
  • Establecer as bases para compatibilizar a implantación das terrazas co imprescindible mantemento dos necesarios espazos para o acceso e evacuación dos edificios e para a aproximación e manobra dos vehículos de extinción de incendios e salvamento.
  • Establecer normas que garantan o goce dun lecer de calidade no espazo público co dereito dos veciños a un medio ambiente limpo e ordenado, e ao descanso nos seus barrios e fogares.
  • Organizar o uso do espazo público en exercicio da actividade económica da hostalería do municipio, de forma que, sen entorpecela, garántase a súa calidade e ordenación en conxunto coa do tránsito viario.

d) As posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

O desenvolvemento da lexislación estatal e autonómica por parte das Entidades Locais, ha de levarse a cabo necesariamente a través da potestade regulamentaria municipal, que conleva a elaboración de ordenanzas e regulamentos, devindo necesaria en virtude dos motivos anteriormente expostos.

Os cidadáns, organizacións e asociacións que así o consideren poden facer chegar as súas opinións sobre os aspectos expostos durante o prazo de 20 DÍAS HÁBILES a contar desde o día seguinte ao de publicación do presente anuncio na web municipal, mediante a súa presentación en calquera dos lugares indicados no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

 

DIRECCIÓN WEB PROXECTO ORDENANZA:

https://caniza.sedelectronica.es/preview-document/6bb55c2b-3181-45fc-84ae-63825d23ee27/

DOCUMENTO ASINADO ELECTRÓNICAMENTE

POLO ALCALDE, LUIS A. GÓMEZ PIÑA