NovasIr a esta sección

Sae a Concurso a contratación da explotación do servizo do Camping Municipal
Data de publicación: 25 de maio de 2021

O Concello aprobará no Pleno do 27 de maio a contratación do expediente de explotación do camping "Carballo do Marco" mediante a modalidade de concesión demanial.

Segundo manifestou o Alcalde esta mañá, "O Camping volverá a converterse nunha ferramenta catalizadora do noso turismo, capaz de atraer no verán a máis de 1000 visitantes".

 
Esta concesión, cun valor de 1.604.283,15€, será por 16 anos e contempla un investimento mínimo por parte da empresa concesionaria de 66.680,00€. Ademáis o Concello reservarase o dereito de instalar no recinto un punto de recepción de BTT (Bicicleta Todo Terreno) e o dereito de ocupar varias prazas durante a tempada alta.
 
Durante moitos anos o Camping  foi referente no turismo da zona pola súa ubicación e polos activos turísticos que estaban preto das súas instalacións. Por iso e segundo manifestou o Alcalde Luis Piña “é intención desta Gobernanza volver a situar este instrumento catalizador de turismo nun lugar preferente”, nunhas condicións óptimas e xestionado por profesionais.
 
Considerando a necesidade de que sexa xestionado por empresas especializadas en hosteleira e xestión de lecer e tempo libre, capaces de  optimizar ao máximo os recursos deste activo, para atraer máis visitantes e turistas, o Alcalde resolveu aprobar os trámites administrativos para iniciar o procedemento público para outorgar unha nova concesión.
 
O Camping municipal inaugurado no ano 1994, conta cunha superficie de 10.000 m2, e 201 prazas distribuidas en 67 parcelas e 4 bungalows de 4 prazas cada un, ubicadas nunca paraxe con arbolado caducifolio e perenne e chan de herba. Está inscrito no Inventario de Bens Municipais co Nº 0214000308 -63 e está valorado en 422.604,84€ . 
 
A instalación xa foi utilizada en réxime de concesión administrativa co anterior goberno, remantando o período de vixencia da mesma hai dous anos. En 2020 o abriu as súas instalacións por xestión directa.
 
 
 
CONDICIÓNS DA CONCESIÓN DO NOVO CONTRATO
 
Este xoves, 27 de maio, o Pleno do Concello, como órgano competente para resolver (xa que o importe do valor da concesión supera o 10% dos recursos ordinarios do Orzamento: 3.627.655,26€) aprobará e adxudicará a concesión por procedemento aberto, de uso privativo do cámping, convocando a  súa  licitación. 
 
A apertura deste expediente xustificouse, entre outros motivos,  para dar aos visitantes un motivo e atractivo turístico, que baseado en criterios ambientais fomente o turismo na zona e atraia visitantes a unha contorna de gran atractivo natural. 
 
Esta nova concesión incluirá os servizos de explotación e mantemento do cámping municipal. Durante o  primeiro ano a empresa estará exenta do pago de auga e de enerxía eléctrica así como dun canon anual  mínimo de 1.500€ máis Ive (dependerá da oferta que se presente), gastos que asumirá a partires do 2º ano da concesión.
 
A empresa poderá manter as instalacións abertas durante o período que considere oportuno. Non se considera a concesión executada no caso de que as instalacións do cámping non permanezan abertas, polo menos desde o 1 de xullo ao 31 de agosto. Pode propoñer a apertura cando considere oportuno mediante comunicación ao Concello pero sen necesidade de autorización expresa deste.
 
En canto ás tarifas a percibir polas diferentes modalidades de aloxamento e de actividades complementarias, serán responsabilidade exclusiva da empresa sen intervención  municipal. 
 
Os servizos de  cafeteria, bar, comidas poderán ser de uso xeral e non exclusivo dos usuarios do cámping, así como o alugueiro de bicicletas e calquera outra actividade sempre que previamente sexa regulado polo  concello no regulamento aprobado, cuxas tarifas e horarios estarán expostos ao público. 
 
 
compartir

axenda