a empresa emitiu un informe técnico no que se desglosan as causas e feitos que orixinaron estas deficiencias nas dúas liñas que subministran á Cañiza: FRIEIRA808 e FRI802
O ALCALDE LUIS PIÑA SOLICITA Á EMPRESA UFD NATURGY UN INFORME SOBRE AS CAUSAS DAS DEFICIENCIAS NA CALIDADE DO SUMINISTRO ELÉCTRICO NO CASCO URBANO DOS ÚLTIMOS MESES
· DENDE O CONCELLO SOLICITOUSE Á EMPRESA INFORMACIÓN POLOS CONSTANTES MICROCORTES DE SUBMINISTRACIÓN E SOBRETENSIÓNS SUFRIDAS NOS 3 ULTIMOS MESES E QUE FORON CAUSA DE QUEIXA POR PARTE DA HOSTELERÍA, COMERCIO E VECIÑANZA.
· A EMPRESA COMPROMETEUSE A SEGUIR TRABALLANDO ATA MELLORAR DEFINITIVAMENTE A CALIDADE DO SUBMINISTRO ELÉCTRICO NA CAÑIZA.
En contestación ao requerimento feito polo Alcalde Luis Piña o pasado 14 de decembro coa apertura do expediente 1250/2020, a subministradora UDF Naturgy acaba de remitir un informe sobre as causas que orixinaron os contínuos microcortes de subministración eléctrico no núcleo urbano da Cañiza e barrios como o Cacharado durante os últimos meses.
Para elaborar este informe técnico a empresa efectuou varias inspeccións oculares en diferentes datas e ao longo da totalidade das liñas Frieira 808 e FRI802 que son as dúas liñas que alimentan a maioría dos clientes no termo municipal da Cañiza, ademais dos pertinentes análises das diferentes incidencias.
Como resultado destas inspeccións efectuáronse podas puntuais e retirada de cortizas depositadas polo vento sobre os condutores. Parte do trazado destas liñas discorre por zonas forestais e os temporais dos últimos meses influiron na mala calidade do subministro.
Por outra banda, o martes 26/01/2021, se produciron novos microcortes e disparos con reenganches da liña FRI 808, detectándose unha avería nas instalacións do Centro de Transformación dunha empresa do polígono industrial que estaba causando incidencias continuadas na liña.
O sábado 30/01/2021 vólvense a producir microcortes e disparos con reenganche. Nesta ocasión o fallo identifícase nun seccionador fusible de manobra danado nun apoio da liña aérea na zona de Ameixeiras, para o que se programou a substitución deste elemento, normalizando o servizo a partires do 04/02/2021.
Desde estas reparacións non se volveron a rexistrar microcortes na liña de xeito frecuente.
Non obstante a empresa pon a disposición dos clientes a web www.ufd.es e o teléfono gratuíto 900 111 999 para atender reclamacións.