NovasIr a esta sección

Asistimos á presentación do 'Pasaporte ao Condado Paradanta'
Data de publicación: 18 de maio de 2021

O Alcalde asiste en Ponteareas ao acto de presentación do “pasaporte ao Condado Paradanta”, un novo produto turístico, único en galicia, promovido polo GDR Condado Paradanta. 

Con este pasaporte o turista e visitante pode acceder a unha selección de exclusivas propostas e experiencias únicas, en locais emprazados nos municipios deste xeodestino, que o conectarán co noso territorio.


Esta iniciativa singular e única en Galicia permite aos seus usuarios  acceder a unha coidada selección de 24 propostas exclusivas en empresas turísticas da zona.

 

O Pasaporte permite obter unha serie de premios para aqueles que opten por aloxarse en determinados hoteis ou casas rurais do Condado Paradanta, gozar da gastronomía e dos deliciosos viños da zona, coñecer fermosos recunchos da man de guías profesionais con gran experiencia, mercar produtos de calidade ou achegarense ao patrimonio cultural da comarca.

A iniciativa, desenvolvida polo GDR Condado Paradanta, ten como misión atraer e fidelizar a chegada de turistas á comarca.

 

Cómo funciona esta iniciativa

 

O Pasaporte ao Condado Paradanta é un produto turístico e de promoción xestionado polo GDR Condado Paradanta, a única entidade competente no seu desenvolvemento.

Os usuarios deben facerse cunha copia física do Pasaporte, nos establecementos que forman parte deste proxecto, e completar os seus datos no recadro correspondente para iso.

Unha vez estea activo o documento, cómpre reservar con antelación naquel establecemento ou servizo do que se queira desfrutar avisando que se é usuario do Pasaporte. Cada vez que o documento se empregue  nun local ou establecemento, este debe selar o recadro correspondente.

Unha vez se complete o número de recadros necesarios para participar nun dos sorteos, os usuarios han de enviar a folla de datos debidamente cumprimentada ao WhatsAPP 986 663 329 e contestar a enquisa que obteñen do escaneo do Código QR. Deste xeito poderán entrar no sorteo de agasallos, experiencias únicas ou produtos/servizos de diverso tipo que farán a súa estancia nesta zona de Galicia inesquecible.

Nesta primeira edición da iniciativa turística Pasaporte ao Condado Paradanta, editaranse 1.000 exemplares de carácter promocional e gratuito. A iniciativa estará activa ata o vindeiro 31 de decembro e todas as empresas participantes contan con algún selo de calidade turística como o SICTED ou a Q de Calidade Turística.

 

compartir

axenda