Gañadores do XI Concurso de Cortadores de Xamón celebrado o 15 de agosto na Carballeira do Cacharado
O Concello da Caniza celebrou o XI Concurso de Cortadores de Xamón, unha actividade xa consolidada dentro da programación da « Festa - Feira do Xamón» que se celebra todos os 15 de agosto e que ten como finalidade poñer en valor a calidade do produto, a profesionalidade dos cortadores e a tradición gastronómica vinculada ao noso xamón.
O concurso desenvolveuse na Carballeira do Cacharado e reuniu profesionais do sector nunha competición na que se valoraron a técnica, a precisión, o aproveitamento da peza, a presentación e a creatividade dos participantes.
A organización do concurso correu a cargo do Concello e da Asociación de Cortadores de Xamón de Galicia, coa coordinación do cortador profesional Víctor Burgos e a dirección de Juan Antonio Barbero Peral.
Clasificación.
- Nesta XI edición, o primeiro premio foi para José Luis Represas Alamá, que recibiu o recoñecemento como vencedor do concurso, dotado con 600 euros e trofeo.
- O segundo posto correspondeu a Francisco Javier Familiar Gómez, cun premio de 400 euros e trofeo,
- José Aurelio Outomuro Rodríguez acadou o terceiro premio, dotado con 200 euros e trofeo.
- No apartado de creatividade, o recoñecemento ao Mellor Prato Creativo foi para Ángel Rico Vázquez, cun premio de 200 euros e trofeo.
- Francisco Javier Alonso Rubiños foi distinguido co Premio Especial Xamón A Caniza 2026, reservado ao primeiro clasificado con residencia en Galicia, dotado con 200 euros e trofeo.
- Como recoñecemento á implicación de todos os profesionais que tomaron parte nesta XI edición, todos os cortadores recibiron tamén un trofeo conmemorativo pola súa participación no concurso.
Durante o concurso, os participantes dispuxeron de dúas horas para realizar o corte completo dunha peza de xamón, asignada previamente mediante sorteo.
As pezas presentaban características similares, cunha diferenza máxima de 400 gramos, co obxectivo de garantir unhas condicións de participación homoxéneas.
O xurado avaliou diferentes aspectos relacionados coa execución do traballo, entre eles a limpeza e perfilado da peza, o estilo do cortador, a rectitude do corte, a calidade das lonchas, o emplatado, a orde e limpeza do posto de traballo, o aproveitamento e o rendemento da peza.
Os participantes tiveron que presentar tamén pratos de 100 gramos correspondentes á maza, babilla e punta, así como diferentes presentacións e unha proposta específica para o apartado de prato creativo.
O sistema de valoración permitiu recoñecer tanto a excelencia técnica no corte como a capacidade de aproveitamento do produto e a presentación final, aspectos fundamentais nunha actividade profesional que require precisión, experiencia e coñecemento do produto.
Parabéns aos gañadores e a todas as persoas participantes nesta XI edición.
E grazas ao traballo do xurado, da organización e de todas as persoas e entidades que colaboraron no desenvolvemento do concurso.
Galería multimedia