DECLARACIÓN INSTITUCIONAL. 8 de marzo de 2024 «Día Internacional da Muller»

A Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), os Concellos galegos e o Concello da Cañiza conmemoramos o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, reafirmando o noso compromiso coa igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social local. #concellosgalegosenfeminino

Dende cada un dos 313 concellos galegos asumimos a necesidade de avanzar cara a unha representación paritaria de mulleres e homes nas nosas corporacións locais.

Nesa liña, estanse a dar pasos moi importantes, pero aínda non suficientes, como é ter pasado nestes últimos vinte anos de 18 alcaldesas no ano 2003 a 71 alcaldesas no ano 2023, o que supón un 22% dos concellos galegos. No caso das concelleiras a porcentaxe ascende ao 40%. E nas deputacións provinciais o 36 % son deputadas fronte ao 64% de deputados. As catro presidencias das deputacións contan todas elas con presidentes.

Estas cifras reflicten que as mulleres seguen estando infrarrepresentadas nos espazos máis importantes de toma de decisións do eido local.

As mulleres seguen a padecer máis dificultades que os homes para desenvolver a súa actividade política nos concellos e nas deputacións, espazos políticos aínda moi masculinizados, como tamén sucede na participación social local.

Aínda así, en ambos casos se están dando importantes avances nos liderados femininos tanto no número de alcaldesas, concelleiras e deputadas provinciais, como nas asociacións veciñais, de nais e pais, de organizacións ecoloxistas e culturais.

Dende os concellos galegos se recoñecen estes avances en reforzo de todo o labor que aínda queda por desenvolver ata conseguir que os concellos galegos sexan espazos onde a igualdade sexa unha realidade; abordando tanto as barreiras estruturais como as actitudes e percepcións que perpetúan a discriminación, e garantindo que todas as persoas accedan as mesmas oportunidades.

Neste período ata as próximas eleccións municipais teñen que seguir dándose pasos cara a igualdade, polo que a FEGAMP en representación dos concellos galegos se compromete a:

  • Promover a participación activa das mulleres na vida política e social local, mediante accións de sensibilización, capacitación e fomento do liderado feminino que permitan acadar a paridade nas corporacións e nas alcaldías.
  • Incorporar a perspectiva de xénero en todas as nosas políticas e programas, garantindo que se tomen en conta as necesidades e realidades específicas de mulleres e nenas nas nosas accións.
  • Aplicar medidas para garantir a igualdade salarial e de oportunidades no emprego, promovendo a participación equitativa de mulleres en todos os niveis e sectores laborais. 
  • Impulsar campañas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero, dando apoio integral ás mulleres vítimas e traballando na erradicación da violencia machista.

 

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL. 8 de marzo de 2024 «Día Internacional da Muller»